24.3.25

Día Internacional dos Bosques e Día da Poesía

Bo día navegantes!

Durante o mes de marzo na nosa escola respirouse natureza, poesía... e tamén moita ilusión!

Aproveitando a conmemoración do Día Internacional dos Bosques e o Día da Poesía, decidimos unir estas dúas celebracións para dar vida a unha xornada chea de creatividade, aprendizaxe e compromiso ambiental.

E como estamos mergullados no noso proxecto de centro "Intelixencia artesanal", que mellor maneira de celebralo que poñendo en valor o poder da palabra, da terra e da colaboración?

Por aquí vos deixamos algunhas das actividades das que desfrutamos durante esta semana:

✎ Haikus con alma de bosque

Durante os días previos, o alumnado de todas as etapas estivo traballando en equipo na creación de haikus, esas pequenas xoias poéticas que nos conectan coa natureza a través de tan só tres versos.

Os resultados foron marabillosos: palabras que falaban de árbores, vento, paxaros, silencio... poesía feita a man e con moito corazón. E como guinda, fixemos unha lectura conxunta na nosa querida carballeira!!

  

💮 Un mural que florece na entrada

Con todos estes Haikus tan especiais, creamos entre todos un mural colaborativo de poesía e natureza, que podedes ver na entrada do cole.

Nel destaca unha gran árbore na que cada folla é unha voz e cada voz forma parte do noso bosque común. Convidámosvos a achegarvos, lelos e deixarvos levar pola poesía dos nenos e nenas da Espiñeira.

😋 Parrillada de champiñóns: sabor e conciencia 🍄🍄

A celebración tamén tivo un toque culinario! Organizamos unha parrillada e degustación de champiñóns, coa intención de fomentar o aprecio polos sabores naturais e concienciar sobre a importancia do consumo responsable e sostible.


Unha maneira diferente de educar tamén o padal e conectar coa natureza a través dos sentidos. Encantoulles!!

🌳 Plantando futuro: árbores de froitos vermellos

Como símbolo do noso compromiso co medio ambiente, tamén plantamos árbores de froitos vermellos: amorodos, framboesas, arandos... 

Un pequeno bosque comestible que agardamos ver medrar, igual que medran as nosas ideas e soños.

Vémonos na próxima aventura entre versos, árbores e sabores!!


Con moito cariño,

Espiñeiriña.

No hay comentarios:

Publicar un comentario