30.5.22

LETRAS GALEGAS 2022

Na escola da Espiñeira comezamos a SEMANA DAS LETRAS GALEGAS coa campaña "Queremos galego", na que promovemos o uso da nosa lingua.


Creamos o ANUNCIO "Ofrécese colexio comprometido co galego". O alumnado en colaboración coa súa familia recheou este anuncio con palabras e frases que a eles lles chaman a atención e distribuíronnos pola localidade de Cangas, convidando a toda a comunidade educativa a enviarnos as súas propias palabras e frases á nosa escola co fin de crear  un DICCIONARIO que se vaia ampliando coas achegas de todos e todas.


Rendemos homenaxe á nosa tradición  destacando A NOSA HORTA E COCIÑA, plantando e cociñando as sobremesas típicas da nosa terra.
Asimesmo, rematamos a semana cun FESTIVAL DE CINE grazas a Olloboi, un festival audiovisual de curtametraxes dirixido a todos os niveis educativos.

PLANTAMOS





COCIÑAMOS E PAPAMOS










E FOMOS AO CINEMA



Se queredes afondar na figura de Florencio Delgado Gurriarán podedes visitar a web da RAG "Primavera das Letras", aquí vos deixamos algún dos traballos feitos polo alumnado.

19.5.22

GREEN SEEDS

O noso alumnado impartindo docencia a futuros mestres e mestras! Menuda experiencia!

Así é, os nenos e nenas de 6º de Educación Primaria visitaron o pasado luns as instalacións da UVigo en Pontevedra. As facultades de Ciencias da Educación e do Deporte, así como a de Enxeñaría Forestal, foron os lugares escollidos para dar a coñecer o proxecto sobre o coidado medioambiental no que estiveron traballando estes dous cursos.

Recibidos e guiados polo decano, Óscar García, realizaron unha visita por sendos edificios, onde puideron descubrir e desfrutar dalgúns dos espazos adicados á formación dos futuros docentes.




Ao rematar a visita, chegou o momento da verdade: a exposición do proxecto! Con nervios de emoción e con moita ilusión, fixeron a súa defensa ante o alumnado universitario dos Graos de Educación Primaria e Educación Infantil. 

E que foi o que presentaron? O proxecto de Erasmus+ que leva por nome Green SEEDS (Sinergy and Environment to Empower Decentralised School) ten como obxectivo empoderar a pequenas escolas rurais como a nosa, a través dun traballo conxunto entre o profesorado e o alumnado de diferentes centros europeos (Italia, Chipre, Croacia, Grecia e España). 

Coa temática medioambiental como eido principal de investigación, a actual clase de 6º de primaria (e máis o grupo de 6º do ano pasado) levou a cabo diferentes actividades centradas no coidado da nosa contorna natural, máis concretamente sobre a presenza de plásticos do mar.

Axudados por algúns recursos ofrecidos dende a biblioteca do centro, deseñaron, planificaron e realizaron unha proposta de análise destes residuos contaminantes na praia de Areacova. 

Na seguinte ligazón podedes visualizar a presentación que expuseron, onde se recolle de maneira pormenorizada todo o proceso de investigación, traballo cooperativo co centro irmandado de Italia e as accións realizadas.


Tras as exposicións, como bos ponentes, foron merecedores dunha boa merenda e recibiron cadanseu certificado conforme "impartiron docencia". Ademais, foron os encargados e encargadas de asinar ás e ós universitarios os xustificantes de asistencia á súa exposición.




Para máis información sobre o proxecto, podedes consultar a súa páxina web oficial, onde se contemplan todas as propostas realizadas por todos os centros europeos participantes. É moi interesante e enriquecedor!






18.5.22

CARTILLAS DE NAVEGACIÓN

Este curso as cartillas de navegación (itinerario lector) gozaron dalgunha que outra actualización, unha delas foi engadir un libro en lingua inglesa, xa que o noso cole é plurilingüe. Non obstante, a maioría dos nosos imprescindibles están en lingua galega.

Compártovos unha foto dos roles de navegación/itinerario lector, exposto na nosa biblioteca:

Cada alumna e alumno posúe un rol de navegación e unha cartilla que vai dende "grumete" ata "oficial de primeira"; a capitana é a nosa mascota Espiñeiriña.

Cada cartilla contén unha serie de libros de temática variada que deberán ler para completala. Por cada libro que len reciben un cromo (portada do libro en cor) da man da titora, o cal, pegarán na casilla correspondente. Ademais, dentro de cada cartilla figura un espazo para que cada rapaz e rapaza recomende libros que considere que deben formar parte da mesma.




Hai navegantes que xa remataron a súa cartilla e, polo tanto, son merecedores dun diploma acreditativo e dunha libreta e bolígrafo máxico para realizar apuntamentos.










Felicidades navegantes!!! 

Continuade desfrutando do pracer da lectura! 😀


Un saúdo,

Espiñeiriña.



11.5.22

UN RAÍÑO DE SOL DE ÁFRICA NA ESPIÑEIRA

Este luns 9 de maio recibimos na Espiñeira ó gran Boniface Ofogo, o cal, nos achegou un pedaciño de África a través das súas historias, narracións e a música.






Un dos contos que nos relatou foi "O león Kandinga" e cautivou a todo o alumnado e profesorado. Ademais, non se marchou sen dedicarnos unhas fermosas palabras.



Moitísimas grazas Boniface, esperamos a túa visita para o curso que vén!

Unha aperta,
Espiñeiriña.