Bos días navegantes!
Aquí estamos de volta cunha nova entrega das que me apaixonan, xa que está totalmente relacionada co marabilloso mundo dos libros.
Como vén sendo habitual, unha das nosas primeiras saídas do curso é á Biblioteca Pública de Aldán. Así, o venres 2 de outubro ás 10 da mañá, partimos cara o noso destino cheos de entusiasmo e ledicia.
Unha vez chegamos á biblioteca Isa, a encargada, recibiunos cun gran sorriso e permitiunos gozar dunha xornada diferente. Neste fermoso lugar realizamos actividades como:
- Lectura libre. Pasamos un tempo xenial explorando andeis e mergullándonos nas historias máis divertidas.
- Contacontos. Gozamos da historia entrañable de "Cosita Linda" de Anthony Browne.
- Novos lectores. Isa fixo maxia! Aqueles nenos e nenas que aínda non tiñan o seu carné de usuario marcharon co seu xa estreado.
- Empréstito de libros. O alumnado puido decidir que libro quería levar para casa co compromiso de devolvelo antes da data sinalada.
Ademais, co día tan bonito que facía non podiamos voltar tan cedo para a escola, polo que pasamos un bo anaco no parque de Aldán, onde aproveitamos para merendar e xogar largo e tendido. Tamén, paseamos polo casco vello e animamos, de casualidade, ao novo emprendedor Manu Barber, quen nos agasallou con pegatinas moi molonas.
Sen dúbida, vivimos un día moi produtivo!
Por último, non podemos despedirnos sen darlle un millón de grazas a Isa: pola túa paciencia, polos teus sorrisos e por axudarnos a conseguir os carnés de lectores!
Un agarimoso saúdo,
Espiñeiriña.
.jpeg)








