22.1.20

XINCANA E INAUGURACIÓN DA NOVA BIBLIOTECA

Comezamos o segundo trimestre coa ansiada inauguración da biblioteca!

Coa fin de realizar unha inauguración do máis entretida e interesante, dende o equipo de biblioteca do cole decidimos organizar unha xincana chamada "Premios Planétate", dacordo co proxecto de centro que estamos a levar a cabo "Planétate: pequenos xestos, grandes consecuencias". A mesma estivo composta por 8 probas nas que participou todo o alumnado do cole.



Aquí vos deixamos algunhas imaxes das probas:

1ª) ORDENIGMA:
Se a seguinte fase queres pasar,
ordena as letras e un lema descubrirás.


Se a seguinte fase queres pasar,
ordena as pezas e un boneco atoparás.
 

 2ª) PLANETARTE:
O mellor artista serás,
se descubrimos o que estás a debuxar.


3ª) OPERACIÓN PLANÉTATE:
Tararea ou canta a canción
que na semana do clima cantamos un montón.


4ª) PATRÁS:
Se deletreas do revés
seguro que unha árbore ves.
Acerta tres
e outra pista tes.


5ª) MEMORY - ADIVIÑANZA;
A adiviñanza debes emparellar
coa imaxe da solución.
Non te esquezas de memorizar
e presta moita atención.


6ª) MENSAXE SECRETA:
Cinco son as accións
para facer do planeta un mundo mellor.
Descifra a mensaxe
para pasar á seguinte fase.


7ª) RETO PLANEMÁTICO:
Como Pitágoras podes ser
se o problema resolves ben.
O resultado acertado
abre o pequeno cadeado.


8ª) PASAPALABRA:
Demostra o teu coñecemento,
non dubides un momento.
Unha palabra por cada letra,
todas sobre o planeta.

Por cada proba superada con éxito, recibían unha peza do crebacabezas que debían formar, cuxo resultado era un antigo plano do cole onde se lle situaba a biblioteca como destino final.


Unha vez superada a xincana, a cada crianza se lle repartiu o premio Planétate en forma de chapa.


As creadoras do logo e do lema do proxecto do cole, foron as encargadas de desatar o lazo para dar paso á inauguración oficial da biblioteca.


Velaquí a presentación proxectada dentro da biblioteca xunto con dúas instantáneas do momento:

- Accede á presentación premendo na seguinte ligazón:

https://view.genial.ly/5e1a06e177322d4f6830df5e/presentation-presentacion

 - Imaxes do acto:


Agora tan só vos pido que a desfrutedes moito navegantes!

Un cordial saúdo,
Espiñeiriña.



UN PAPÁ INMENSO

A finais do pasado trimestre Mael, Uriel e a súa familia quixeron compartir con nós un conto que acababan de publicar: Un papá inmenso.

Este conto, escrito por Rebeca Gundín, a súa nai, pretendía nun primeiro momento axudar aos seus fillos a aceptar e superar a perda do seu pai.

O que aconteceu na escola  é que, como pasa con todas as historias que nos tocan o corazón, esta transcendeu máis alá e serviunos para achegar aos máis pequenos unha realidade que continúa a ser un tabú, incluso para os adultos, que moitas veces non sabemos como abordar este tema.

Sorprende ver a enteireza e a educación emocional que adquiren os nenos e nenas cando os adultos lles mostramos o camiño, dándolles a oportunidade de vivenciar, pensar, falar, sentir e expresar os seus sentimentos.

A lectura do libro e posterior debate foi unha actividade espontánea na que o alumnado deixouse levar polo que os seus compañeiros leran previamente, reflexionaron abertamente sobre o que supón a perda dun ser querido e quedaron coa idea de que ninguén marcha realmente de todo, senón que dalgún modo segue estando con nós, acompañándonos, xa que, pasa a ser un ser inmenso que pervive e nos dá forza.

Como dixen, a idea inicial era que estes nenos afrontasen do mellor xeito posible a vivencia pola que pasaran hai uns anos, pero desde logo, este proxecto non quedou nin debe quedar aquí, senón que debe pasar a converterse  nunha ferramenta para que nenos e nenas, familias , mestres, educadores ..., poidamos atender ás necesidades que neste eido se nos van presentando. 

Por iso, cos beneficios que xere a venta  deste conto preténdese facelo chegar a hospitais co fin de facilitarlles aos nenos e nenas que estean pasando por unha situación similar a superación da mesma. Tedes máis información na web: www.unpapainmenso.com

Toda unha lección de vida: Porque ás veces un final pode ser un novo comezo. 

Non vos perdades o vídeo cos comentarios do alumnado!


5.1.20

NON Á VIOLENCIA DE XÉNERO

Durante a semana do 25 de novembro apostamos por promocionar, especialmente, o bo trato entre mulleres e homes.

Artur e Clementina, os protagonistas do conto escrito por Adela Turín e ilustrado por Nella Bosnia, tiveron un papel moi importante:




Enchimos o caparazón tanto de Artur como de Clementina de palabras poderosas en prol da igualdade.

Dende o contexto lingüístico (alumnado de 3º a 6º de primaria) fixeron un traballo reflexivo do conto e despois foron as encargadas e encargados de lerllo ós máis peques. Tamén realizaron un audio-conto e un vídeos cheo de reflexións persoais que podedes consultar presionando neste enlace:

Ademais, como vén sendo habitual, todo o alumnado do cole participou no acto organizado pola concelleria de servizos sociais, igualdade e feminismo do Concello de Cangas baixo o lema "Contra as violencias, apúntate ó bo trato". A nosa proposta foi un baile escenificando a canción "A voz das amigas" de Leilía.


Podedes ver o vídeo da nosa actuación premendo no seguinte enlace: https://www.edu.xunta.gal/centros/ceipespinheiraaldan/node/787

Un saúdo e deica pronto navegantes!