23.3.23

DÍA INTERNACIONAL DOS BOSQUES E DA POESÍA

Ola fermoso público lector,

Hoxe traio novas, esta vez para falar da celebración do 21 de marzo de 2023, que foi o Día Internacional dos Bosques e da Poesía.

Deste xeito, como ben sabedes temos a gran sorte de que esta escola conta con moitísimos espazos verdes e, por suposto, estamos moi comprometidas e comprometidos co coidado da natureza. Neste sentido, é interesante contarvos que este ano as Nacións Unidas considerou como tema para este día "A Restauración Forestal: un camiño á recuperación e ao benestar". Estas palabras condúcenos a reflexionar sobre a degradación que cada ano afrontan os nosos montes, polo que a restauración é unha vía para recuperar e manter os bens e servizos que provén deles. 

Pero, aínda que se estableceu un día para a súa celebración, sabemos que todos os días hai que velar polo seu coidado xa que soamente recibimos beneficios deles.

En resumidas contas, dende Espiñeira coa colaboración de Verdegaia e a doazón do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Lourizán e das familias plantamos en diferentes zonas da nosa escola loureiros, madroños, sabugueiro, vidueiro e liquidambar.










Porén, non podiamos esquecer a importancia das mensaxes que nos transmiten os versos, a poesía, esa ladaíña de palabras bonitas que se encandean para formar unha mensaxe... Por iso, aproveitando que o alumnado de 2º de Educación Primaria participou no I Certame de Poesía Respira! de Santiago de Compostela, leu os seus poemas na biblioteca a un fermoso público, ás nenas e nenos e profesorado de Educación Infantil e 1º de Educación Primaria. Cómpre engadir, que as poesías tiñan como tema común o Cambio de clima. 

Unha aperta reconfortante,

Espiñeiriña.



No hay comentarios:

Publicar un comentario