27.9.26

FAINO XA!

Benvidas e benvidos a este novo curso escolar! O noso blog O cantil das palabras arranca o ano académico 2026-2027 máis reivindicativo ca nunca, abordando a loita contra o cambio climático que queremos impulsar dende a nosa escola.

Por mor da Semana Mundial de Acción polo Clima propuxemos á comunidade educativa e, sobre todo, á cativada unha serie de propostas co obxectivo de concienciar sobre a importancia de protexer o medio ambiente e actuar de maneira responsable contra o cambio climático.

Durante a semana realizamos, en diferentes horarios e agrupamentos, a recollida de especies vexetais invasoras presentes nas nosas instalacións, máis concretamente, no Bosque das Landras e no Bosque Máxico.



Na propia xornada polo clima, o venres 25 de setembro, organizamos obradoiros e actividades en forma de retos de carácter vivencial para os diferentes ciclos e unha performace final que incluíu a presenza de todo o cole.

En consecuencia, establecimos agrupamentos de alumnas e alumnos por ciclos, en grupos mixtos de idades e cada grupo levaba un nome dunha ave que podemos avistar desde o noso patio.

Retos para infantil e 1º ciclo de primaria:

1. Circuíto anticontaminación das augas. No circuíto motor tiñan o obxectivo de limpar os ríos que ían atopando e limpar a auga contaminada empregando filtros de café. Así, reflexionamos sobre a necesidade de manter os ríos e as fontes limpas para poder aproveitar o ben preciado que é a auga e evitar a contaminación da natureza. 






2. Monstros come lixo! Con esta actividade reforzamos a importancia de clasificar os residuos xerados polo ser humano no contedor correspondente.





Retos para o alumnado de 3º a 6º de primaria:

1. Trasvase de auga. Realizamos dous xogos, un a través dun circuíto de obstáculos e outro mediante pases de globos de auga reutilizables. Ambas actividades están destinadas a concienciar sobre o consumo da auga. O alumnado entendeu o fin e realizou tanto o circuíto como o xogo de pasar o globo de auga de maneira exitosa.







2. Mural Art Attack. Para elaboralo empregamos as plantas invasoras recollidas nos días previos e, tamén, as sábanas vellas, os tapóns e os restos tecnolóxicos facilitados polas familias. Conseguimos realizar un mural moi poderoso, vistoso e cunha mensaxe clara.




3. Cartaces con mensaxe! De maneira simultánea no tempo ás propostas anteriores, o alumnado foi pasando por este obradoiro para expresar os seus sentimentos e manifestacións con respecto á problemática.





A xornada concluíu con toda a escola reunida no patio para escoitar o MANIFESTO elaborado polo alumnado de 6º EP e realizar a PERFORMACE FINAL COA INTERPRETACIÓN DA CANCIÓN: FAINO XA!




Despídome co que pode ser, en poucas palabras, un resumo das nosas reivindicacións:

Menos tecnoloxía, máis diversión
menos plásticos, máis compost
menos consumo de auga, más concienciación
máis augas limpas, menos contaminación!
💚

Por un mundo mellor,
Espiñeiriña.

24.6.26

PDI: DO MAR NACE O AZUL DA VIDA

Ola a toda a comunidade educativa!

Despois de moito traballo, investigación e, sobre todo, moitísima ilusión, queremos compartir convosco o resultado final do noso Proxecto Documental Integrado sobre o mar e a nosa contorna mariña. Baixo o título e lema "Do mar nace o azul da vida," o alumnado de infantil e primaria mergullouse na historia, cultura, natureza e os segredos que agochan as nosas rías.

Para recoller un anaquiño de todo o vivido, preparamos con moito agarimo este vídeo recompilatorio:

Un agradecemento de corazón 💙 as persoas e colectivos que colaboraron: alumnado, profesorado, conserxe, familias, asociacións e axentes locais.

Grazas a todas e todos por facernos comprender que o mar non só nos rodea, senón que enche de vida o noso día a día.


Gozade das vacacións e recibide un cordial saúdo,

Espiñeiriña.

8.6.26

DÍA DOS OCÉANOS: UN MAR DE SORRISOS!

O pasado venres celebramos o Día Mundial do Medio Ambiente e o Día Internacional dos Océanos, conmemoracións estreitamente ligadas co noso Proxecto Documental Integrado Do mar nace o azul da vida.

Foi unha xornada máxica onde o alumnado, as familias e profesorado uníronse para dar peche a este gran proxecto dunha maneira especial.

- Queredes saber e contemplar todo o que fixemos? Preparádevos porque non faltou a creatividade, as experiencias, a música nin a literatura!

ALFOMBRAS NATURAIS: A NOSA ARTE MARIÑEIRA

Comezamos o día sacando o noso lado máis artístico. Cun pouco de imaxinación e moitos elementos da natureza (follas, area, cunchas, pedras...), o alumnado creou unhas alfombras espectaculares inspiradas na contorna mariña, poñendo como protagonistas ao noso cabaliño de mar, é dicir, a min mesma, a vosa mascota Espiñeiriña, e a personaxes literarias como Bernardino Graña (Poeta do Mar cangués) e Rosalía de Castro.









MÚSICA E TRADICIÓN NA CARBALLEIRA

Sumerxímonos na tradición popular galega cantando as cancións do Cancioneiro mariño. Familias, alumnado e mestras/es interpretamos os seguintes temas: A cana verde, Ghavota ghavota, Na beira do mar, A Rianxeira, Catro Vellos Mariñeiros, Polo mar abaixo (Os de Marín) e O Rodaballo. Velaquí algúns dos momentazos:




APADRIÑAMENTO LECTOR: HISTORIAS QUE UNEN

Vivimos un momento precioso de convivencia grazas á literatura. Deste xeito, organizamos agrupamentos de 3 alumnos e alumnas onde os maiores narrábanlle as historias que se atopaban nos diferentes fondos literarios relacionados co mar e seleccionados para a ocasión nun ambiente envidiable como é o da nosa carballeira.





EXPOSICIÓN "DO MAR NACE O AZUL DA VIDA": MATERIAIS CREADOS, ACTIVIDADES E AUDIOVISUAIS.

As familias puideron desfrutar dunha exposición sobre o PDI e observaron os distintos materiais e actividades realizadas ao longo do curso, a mostra fotográfica e un video resumo das experiencias vividas. 












Ademais, tiveron a oportunidade de poñer en práctica os seus coñecementos sobre flotación guiados polos máis pequerrechos do cole.




Por último, quería engadir que hoxe día 8 de xuño, o propio Día dos Océanos, o alumnado de infantil puido gozar dunha sesión de contacontos sobre o libro "La vida que se da" de Claudia Prado González, narrado e interpretado pola autora e a súa filla! Moi agradecidos pola vosa visita! 😍 Ademais, houbo un obradoiro posterior onde o alumnado puido recrear á protagonista da historia, un sapococho 🐢





Grazas a todas e todos por esta incrible celebracióin!

Ata a próxima aventura navegantes!
Espiñeiriña