17.11.26

CASTAÑAS QUENTIÑAS, XOGOS E LEDICIAS

Ola comunidade lectora!

O outono chegou á escola de Espiñeira cargadiño de follas, tradicións e ganas de compartir. E, como cada ano celebrouse unha das festas máis agardadas desta estación: o Magosto, unha xornada para recuperar xogos de sempre, convivir e gozar xuntas e xuntos.

Este ano, como de costume, contouse coa Asociación Corredoiras, que achegou unha morea de xogos tradicionais cos que descubrir, experimentar e poñer a proba a habilidade de cada unha e un. A chave, as buxainas, os esquís de coordinación, as construcións de torres con espigas de millo ou os xogos de pedras, entre outros, convertéronse en auténticos retos de diversión. Houbo que lanzar, recoller, equilibrar, coordinar movementos e, sobre todo, aprender xogando.







Organizáronse dous grandes grupos. Por unha banda, Educación Infantil, 1º e 2º de Primaria, distribuídos en pequenos grupos mixtos. E, por outra banda, o alumnado de 3º a 6º de Primaria, tamén en equipos mesturados. Primeiro foi a quenda da cativada máis pequena e, despois chegaron as e os maiores, que foron rotando polos diferentes xogos coa axuda das persoas da Asociación, do profesorado e das familias voluntarias.

Mentres tanto, o arrecendo das castañas asadas xa comezaba a anunciar o outro gran momento da xornada. A conserxe do centro e varias familias encargáronse de preparalas con moito agarimo, despois de que cada menor trouxera da súa casa as castañas, previamente preparadas para a ocasión.


Para que non faltara ningún detalle, nas clases de Arts elaboraron e decoraron uns recipientes moi especiais nos que poder degustalas. Porque, aínda que o día veu acompañado de chuvia e de mal tempo, en Espiñeira tiñamos claro que ao mal tempo, boa cara!


Así, entre xogos, risas, música e o sabor inconfundible das castañas quentiñas, púxose o broche final a este día tan fermoso. Porque nesta escoliña, as tradicións non só se lembran: vívense, compártense e pasan de man en man, coma as castañas neste día de outono.

Ata outra, 

Espiñeiriña!


28.10.26

24 DE OUTUBRO: ABRIMOS AS PORTAS Á CIENCIA, Á CURIOSIDADE E A MIL MARABILLAS!

Bos días queridiñas e queridiños!

Como ben sabedes, hai días que teñen algo especial... Días que enchen espazos de ilusión e que lembran que hai lugares que son moito máis ca catro paredes e uns andeis cheos de libros. O 24 de outubro, Día das Bibliotecas Escolares, celebrado os días 19 e 23 de outubro, foron deses días nesta escoliña.

A nosa Biblioteca abriu as súas portas para dar comezo a un novo curso cheo de historias, descubrimentos, preguntas, experiencias e, sobre todo, moitas ganas de aprender. Porque a Biblioteca é un dos corazóns de Espiñeira: un lugar vivo, dinámico e en constante movemento, onde nacen as ideas, medran os proxectos, aliméntase a curiosidade e onde cada libro pode ser a primeira páxina dunha gran aventura. E este curso, esa aventura ten como protagonista a CIENCIA!

Baixo o paraugas do noso Proxecto Documentado Integrado, mergulláronse no fascinante mundo científico, explorando, experimentando, formulando hipóteses e buscando respostas a todas esas preguntas que espertan a curiosidade de todas elas e eles. Un proxecto que naceu da suma das ideas y dos lemas propostos polos diferentes cursos e que acabou converténdose nunha mensaxe común, compartida por toda a comunidade educativa: "Con evidencia e ilusión, mil marabillas en cada investigación".


Un lema que recolle a esencia do que se quere vivir este ano: investigar con rigor, aprender con curiosidade e descubrir que detrás de cada pregunta pódenos agardar unha marabilla. E, mentres tanto, xa está en proceso a creación do logo que lle dará identidade visual a esta viaxe científica.

E... chegou o momento de facer unha viaxe ao espazo sen saír da escola. Para inaugurar esta aventura non podía haber mellor maneira que mirando cara o ceo... e moito máis alá del! Toda a comunidade educativa puido gozar dunha experiencia extraordinaria: un planetario instalado no pavillón do centro, da man de Astroiberia, que permitiu vivir a sensación de formar parte dunha auténtica misión espacial. 


Por uns intres, o alumnado e profesorado puxéronse na pel das persoas astronautas, subir ao foguete e emprender unha viaxe ao espazo.


Houbo ollos ben abertos, exclamacións de sorpresa, risas e tamén algunha que outra impresión! A sensación de movemento, o fume e todos os efectos facían que, por momentos, parecese que estaban alí mesmo, atravesando o universo. Unha experiencia que deixou coa boca aberta e que foi percorrendo, ao longo da xornada, todos os grupos da escolares.






Pero a viaxe non remataba así... Despois da experiencia no planetario, agardaban obradoiros científicos, pensados para seguir espertando a curiosidade e converter a aprendizaxe nunha aventura. Por exemplo, o alumnado de 1º e 2º de Educación Primaria tivo a oportunidade de observar de preto auténticos meteoritos, pequenos fragmentos do universo que espertaron moitas preguntas. 




E, por se iso fose pouco, tamén construíron e lanzaron os seus propios foguetes, que elaborou previamente a cativada de Educación Infantil. A emoción foi medrando coa conta atrás ata que... voaron! Algún deles chegaron tan lonxe que mesmo saíron de Espiñeira. Que marabilla comprobar como unha idea, un pouco de experimentación e moita ilusión poden acabar converténdose nun lanzamento espacial! Porque a ciencia tamén é iso: sorprenderse, probar, equivocarse, volver intentalo e descubrir que somos capaces de facer cousas extraordinarias. 



E, como non podía ser doutro xeito, a Biblioteca tamén reclamou a súa importancia. Os diferentes ciclos foron pasando por ela para descubrir, a través dunha presentación interactiva en Genially, como funciona ese lugar, como se pode aproveitar e algúns dos aspectos máis importantes da súa organización e funcionamento. 

Foi tamén o momento da entregar as Mochilas viaxeiras, cargadiñas de libros e ilusión, que comezan agora a súa particular travesía polas casas das familias. Porque os libros tamén son foguetes capaces de levarnos a lugares descoñecidos, achegarnos a outros mundos e facernos viaxar sen movernos do sitio. Esperamos que estas mochilas leven consigo moitos momentos compartidos, lecturas en familia e novas ganas de descubrir.





E se algo caracteriza a nosa Biblioteca é que non se queda quieta. É un espazo aberto, acolledor e cheo de vida, que continúa medrando grazas á participación de todo o alumnado. Coincidindo con esta apertura, tamén se puxo en marcha os Recreos na Biblio e o Club de Lectura "Soliloquio de Soños". A partir dese intre, os martes e os xoves, a Biblioteca abre as súas portas durante o recreo para quen queira achegarse a ler, xogar, facer crebacabezas, construír, estudar, dialogar, compartir ou, simplemente, gozar dun anaquiño de tempo neste espazo tan especial.

E, por suposto, todo isto non sería posible sen o noso marabilloso equipo de axudantes de Biblioteca de 5º e 6º de Primaria. As voluntarias e voluntarios reuníronse coas coordinadoras para organizar o funcionamento dos recreos, compartir propostas e repartir responsabilidades. Este curso, debido ao elevado número de alumnado voluntario, incorpórase unha novidade: organizarase por quendas, que irán rotando tanto nos días da semana como ao longo dos días do mes. Cada mes renovarase a distribución e contarase, ademais, con persoas encargadas das diferentes zonas. Unha maneira de favorecer a participación, a colaboración e a responsabilidade compartida, facendo que cada menor sinta que tamén forma parte deste pequeno gran universo.

E non me podo esquecer do Club de Lectura, que tamén comezou a súa viaxe coa composición dos grupos e coa entrega dos libros que acompañaranas e acompañaranos nesta aventura lectura ás nenas e nenos de 4º, 5º e 6º de Primaria. Xa teñen historias agardando por elas e eles, personaxes que coñecer e moitas conversas por compartir.

Así viviuse o Día das Bibliotecas Escolares: viaxando polo universo, descubrindo meteoritos, lanzando foguetes, abrindo mochilas, organizado recreos e comezando novas lecturas. Un día intenso, cheo de emocións e pequenos grandes descubrimentos que fai lembrar algo especial: a Biblioteca non é só un lugar ao que ir ler libros, é un lugar ao que ir buscar posibilidades. É onde unha pregunta pode converterse nun proxecto, onde unha historia pode abrir unha porta, onde unha idea compartida pode medrar ata facerse realidade e onde cada persoa ten algo que achegar. 

Por iso, para Espiñeira, ese día foi moi importante, porque abrir a Biblioteca é abrir tamén un mundo infinito de oportunidades para aprender, crear, imaxinar e compartir. Agora si, comeza unha nova viaxe!

A Biblioteca desta escoliña xa está en marcha. E aquí, coma sempre, hai sitio para todas e todos.

Ata a próxima!
Espiñeiriña.

12.10.26

VISITAMOS A BIBLIOTECA DE ALDÁN!

Bos días navegantes!

Aquí estamos de volta cunha nova entrega das que me apaixonan, xa que está totalmente relacionada co marabilloso mundo dos libros.

Como vén sendo habitual, unha das nosas primeiras saídas do curso é á Biblioteca Pública de Aldán. Así,  o venres 2 de outubro ás 10 da mañá, partimos cara o noso destino cheos de entusiasmo e ledicia.


Unha vez chegamos á biblioteca Isa, a encargada, recibiunos cun gran sorriso e permitiunos gozar dunha xornada diferente. Neste fermoso lugar realizamos actividades como:

  • Lectura libre. Pasamos un tempo xenial explorando andeis e mergullándonos nas historias máis divertidas.
  • Contacontos. Gozamos da historia entrañable de "Cosita Linda" de Anthony Browne.
  • Novos lectores. Isa fixo maxia! Aqueles nenos e nenas que aínda non tiñan o seu carné de usuario marcharon co seu xa estreado.
  • Empréstito de libros. O alumnado puido decidir que libro quería levar para casa co compromiso de devolvelo antes da data sinalada.


Ademais, co día tan bonito que facía non podiamos voltar tan cedo para a escola, polo que pasamos un bo anaco no parque de Aldán, onde aproveitamos para merendar e xogar largo e tendido. Tamén, paseamos polo casco vello e animamos, de casualidade, ao novo emprendedor Manu Barber, quen nos agasallou con pegatinas moi molonas.





Sen dúbida, vivimos un día moi produtivo!

Por último, non podemos despedirnos sen darlle un millón de grazas a Isa: pola túa paciencia, polos teus sorrisos e por axudarnos a conseguir os carnés de lectores!


Un agarimoso saúdo,

Espiñeiriña.

27.9.26

FAINO XA!

Benvidas e benvidos a este novo curso escolar! O noso blog O cantil das palabras arranca o ano académico 2026-2027 máis reivindicativo ca nunca, abordando a loita contra o cambio climático que queremos impulsar dende a nosa escola.

Por mor da Semana Mundial de Acción polo Clima propuxemos á comunidade educativa e, sobre todo, á cativada unha serie de propostas co obxectivo de concienciar sobre a importancia de protexer o medio ambiente e actuar de maneira responsable contra o cambio climático.

Durante a semana realizamos, en diferentes horarios e agrupamentos, a recollida de especies vexetais invasoras presentes nas nosas instalacións, máis concretamente, no Bosque das Landras e no Bosque Máxico.



Na propia xornada polo clima, o venres 25 de setembro, organizamos obradoiros e actividades en forma de retos de carácter vivencial para os diferentes ciclos e unha performace final que incluíu a presenza de todo o cole.

En consecuencia, establecimos agrupamentos de alumnas e alumnos por ciclos, en grupos mixtos de idades e cada grupo levaba un nome dunha ave que podemos avistar desde o noso patio.

Retos para infantil e 1º ciclo de primaria:

1. Circuíto anticontaminación das augas. No circuíto motor tiñan o obxectivo de limpar os ríos que ían atopando e limpar a auga contaminada empregando filtros de café. Así, reflexionamos sobre a necesidade de manter os ríos e as fontes limpas para poder aproveitar o ben preciado que é a auga e evitar a contaminación da natureza. 






2. Monstros come lixo! Con esta actividade reforzamos a importancia de clasificar os residuos xerados polo ser humano no contedor correspondente.





Retos para o alumnado de 3º a 6º de primaria:

1. Trasvase de auga. Realizamos dous xogos, un a través dun circuíto de obstáculos e outro mediante pases de globos de auga reutilizables. Ambas actividades están destinadas a concienciar sobre o consumo da auga. O alumnado entendeu o fin e realizou tanto o circuíto como o xogo de pasar o globo de auga de maneira exitosa.







2. Mural Art Attack. Para elaboralo empregamos as plantas invasoras recollidas nos días previos e, tamén, as sábanas vellas, os tapóns e os restos tecnolóxicos facilitados polas familias. Conseguimos realizar un mural moi poderoso, vistoso e cunha mensaxe clara.




3. Cartaces con mensaxe! De maneira simultánea no tempo ás propostas anteriores, o alumnado foi pasando por este obradoiro para expresar os seus sentimentos e manifestacións con respecto á problemática.





A xornada concluíu con toda a escola reunida no patio para escoitar o MANIFESTO elaborado polo alumnado de 6º EP e realizar a PERFORMACE FINAL COA INTERPRETACIÓN DA CANCIÓN: FAINO XA!




Despídome co que pode ser, en poucas palabras, un resumo das nosas reivindicacións:

Menos tecnoloxía, máis diversión
menos plásticos, máis compost
menos consumo de auga, más concienciación
máis augas limpas, menos contaminación!
💚

Por un mundo mellor,
Espiñeiriña.