Bos días queridiñas e queridiños!
Como ben sabedes, hai días que teñen algo especial... Días que enchen espazos de ilusión e que lembran que hai lugares que son moito máis ca catro paredes e uns andeis cheos de libros. O 24 de outubro, Día das Bibliotecas Escolares, celebrado os días 19 e 23 de outubro, foron deses días nesta escoliña.
A nosa Biblioteca abriu as súas portas para dar comezo a un novo curso cheo de historias, descubrimentos, preguntas, experiencias e, sobre todo, moitas ganas de aprender. Porque a Biblioteca é un dos corazóns de Espiñeira: un lugar vivo, dinámico e en constante movemento, onde nacen as ideas, medran os proxectos, aliméntase a curiosidade e onde cada libro pode ser a primeira páxina dunha gran aventura. E este curso, esa aventura ten como protagonista a CIENCIA!
Baixo o paraugas do noso Proxecto Documentado Integrado, mergulláronse no fascinante mundo científico, explorando, experimentando, formulando hipóteses e buscando respostas a todas esas preguntas que espertan a curiosidade de todas elas e eles. Un proxecto que naceu da suma das ideas y dos lemas propostos polos diferentes cursos e que acabou converténdose nunha mensaxe común, compartida por toda a comunidade educativa: "Con evidencia e ilusión, mil marabillas en cada investigación".
Un lema que recolle a esencia do que se quere vivir este ano: investigar con rigor, aprender con curiosidade e descubrir que detrás de cada pregunta pódenos agardar unha marabilla. E, mentres tanto, xa está en proceso a creación do logo que lle dará identidade visual a esta viaxe científica.
E... chegou o momento de facer unha viaxe ao espazo sen saír da escola. Para inaugurar esta aventura non podía haber mellor maneira que mirando cara o ceo... e moito máis alá del! Toda a comunidade educativa puido gozar dunha experiencia extraordinaria: un planetario instalado no pavillón do centro, da man de Astroiberia, que permitiu vivir a sensación de formar parte dunha auténtica misión espacial.
Por uns intres, o alumnado e profesorado puxéronse na pel das persoas astronautas, subir ao foguete e emprender unha viaxe ao espazo.
Houbo ollos ben abertos, exclamacións de sorpresa, risas e tamén algunha que outra impresión! A sensación de movemento, o fume e todos os efectos facían que, por momentos, parecese que estaban alí mesmo, atravesando o universo. Unha experiencia que deixou coa boca aberta e que foi percorrendo, ao longo da xornada, todos os grupos da escolares.
Pero a viaxe non remataba así... Despois da experiencia no planetario, agardaban obradoiros científicos, pensados para seguir espertando a curiosidade e converter a aprendizaxe nunha aventura. Por exemplo, o alumnado de 1º e 2º de Educación Primaria tivo a oportunidade de observar de preto auténticos meteoritos, pequenos fragmentos do universo que espertaron moitas preguntas.
E, por se iso fose pouco, tamén construíron e lanzaron os seus propios foguetes, que elaborou previamente a cativada de Educación Infantil. A emoción foi medrando coa conta atrás ata que... voaron! Algún deles chegaron tan lonxe que mesmo saíron de Espiñeira. Que marabilla comprobar como unha idea, un pouco de experimentación e moita ilusión poden acabar converténdose nun lanzamento espacial! Porque a ciencia tamén é iso: sorprenderse, probar, equivocarse, volver intentalo e descubrir que somos capaces de facer cousas extraordinarias.
E, como non podía ser doutro xeito, a Biblioteca tamén reclamou a súa importancia. Os diferentes ciclos foron pasando por ela para descubrir, a través dunha presentación interactiva en Genially, como funciona ese lugar, como se pode aproveitar e algúns dos aspectos máis importantes da súa organización e funcionamento.
Foi tamén o momento da entregar as Mochilas viaxeiras, cargadiñas de libros e ilusión, que comezan agora a súa particular travesía polas casas das familias. Porque os libros tamén son foguetes capaces de levarnos a lugares descoñecidos, achegarnos a outros mundos e facernos viaxar sen movernos do sitio. Esperamos que estas mochilas leven consigo moitos momentos compartidos, lecturas en familia e novas ganas de descubrir.
E se algo caracteriza a nosa Biblioteca é que non se queda quieta. É un espazo aberto, acolledor e cheo de vida, que continúa medrando grazas á participación de todo o alumnado. Coincidindo con esta apertura, tamén se puxo en marcha os Recreos na Biblio e o Club de Lectura "Soliloquio de Soños". A partir dese intre, os martes e os xoves, a Biblioteca abre as súas portas durante o recreo para quen queira achegarse a ler, xogar, facer crebacabezas, construír, estudar, dialogar, compartir ou, simplemente, gozar dun anaquiño de tempo neste espazo tan especial.
E, por suposto, todo isto non sería posible sen o noso marabilloso equipo de axudantes de Biblioteca de 5º e 6º de Primaria. As voluntarias e voluntarios reuníronse coas coordinadoras para organizar o funcionamento dos recreos, compartir propostas e repartir responsabilidades. Este curso, debido ao elevado número de alumnado voluntario, incorpórase unha novidade: organizarase por quendas, que irán rotando tanto nos días da semana como ao longo dos días do mes. Cada mes renovarase a distribución e contarase, ademais, con persoas encargadas das diferentes zonas. Unha maneira de favorecer a participación, a colaboración e a responsabilidade compartida, facendo que cada menor sinta que tamén forma parte deste pequeno gran universo.
E non me podo esquecer do Club de Lectura, que tamén comezou a súa viaxe coa composición dos grupos e coa entrega dos libros que acompañaranas e acompañaranos nesta aventura lectura ás nenas e nenos de 4º, 5º e 6º de Primaria. Xa teñen historias agardando por elas e eles, personaxes que coñecer e moitas conversas por compartir.
Así viviuse o Día das Bibliotecas Escolares: viaxando polo universo, descubrindo meteoritos, lanzando foguetes, abrindo mochilas, organizado recreos e comezando novas lecturas. Un día intenso, cheo de emocións e pequenos grandes descubrimentos que fai lembrar algo especial: a Biblioteca non é só un lugar ao que ir ler libros, é un lugar ao que ir buscar posibilidades. É onde unha pregunta pode converterse nun proxecto, onde unha historia pode abrir unha porta, onde unha idea compartida pode medrar ata facerse realidade e onde cada persoa ten algo que achegar.
Por iso, para Espiñeira, ese día foi moi importante, porque abrir a Biblioteca é abrir tamén un mundo infinito de oportunidades para aprender, crear, imaxinar e compartir. Agora si, comeza unha nova viaxe!
A Biblioteca desta escoliña xa está en marcha. E aquí, coma sempre, hai sitio para todas e todos.
Ata a próxima!
Espiñeiriña.
No hay comentarios:
Publicar un comentario