No noso cole os valores fundamentais de dita conmemoración trabállanse de xeito vivencial todos os días, rompendo as posibles barreiras físicas, cognitivas, comunicativas, sociais...xa que, por sorte, todas as persoas somos e temos capacidades diferentes que valoramos grazas á contorna inclusiva que nos rodea.
Para despertar a curiosidade do alumnado comezamos dando visibilidade, cun mural colaborativo, colocado nun lugar estratéxico do cole (o corredor polo que se vai á biblioteca).
En todas as aulas se traballou co visionado de curtas adaptadas a súa idade co fin de facer, posteriormente, reflexións individuais e grupais sobre a importancia do respecto, empatía, axuda mutua e comprensión da diversidade de capacidades e situacións que se dan na nosa sociedade próxima.
O alumnado de 3º a 6º de primaria tiveron a sorte de aprender e practicar dous deportes federados, para persoas con discapacidade motórica, como son o Slalom e a Boccia. Grazas ás xogadoras e xogadores Antía, Susi, Gonzalo e Paco, da Asociación deportiva APAMP-TAMIAR, que ademais de ser os seus adestradores por un día, tamén lle explicaron que é a parálise cerebral, porque se produciu no caso de cada unha/un de elas/eles e en que lles afecta no seu día a día.










No hay comentarios:
Publicar un comentario