Boas tardes xentiña!
Coas mans cheas de soños veño contarvos que o curso pasado, 2024-2025, as clases de 1º e 2º de Educación Primaria (hoxe orgullosas alumnas e alumnos de 2º e 3º) embarcáronse nunha aventura que non deixará nunca de latexar na memoria de Espiñeira. Unha vez máis, participaron no Proxecta Nós tamén creamos e fixérono coa ilusión de quen abre por primeira vez un libro que sabe que lle vai cambiar algo por dentro.
Despois, Borja membro da editorial OQO compartiu coas titoras Noemí, Laura e co titor Alfonso unha pequena formación, breve pero chea de luz, para orientalas e orientalo no proceso creativo. Tanto o alumnado como o profesorado estivo acompañado dun feixe de libros, que foron pasando de mans en mans, de mirada en mirada, ata que, despois de lelos todos con atención e entusiasmo, a cativada escolleu Coas mans baleiras de Ana Tortosa Diego. Aquel título, aparentemente sinxelo, abriu en elas e eles un mundo enteiro.
E entón comezou a maxia.
Entre todas e todos cambiaron a historia, debuxaron ás protagonistas que vivirían na súa versión, construíron o escenario cunha paciencia infinita e coa gran axuda da nosa conserxe Araceli, sacaron foto tras foto co programa Stop Motion Studio, montaron o vídeo... e, sobre todo, soñaron. Soñaron moito. E como di Aldara, fixérono con moitísima paciencia, esa que só nace cando se traballa dende o corazón.
Meses despois, o resultado brillou con luz propia: unha curtametraxe feita con mans pequenas pero valentes, con ideas grandes, con gargalladas, silencios, intentos, rectificacións e un orgullo difícil de explicar con palabras.
O seu esforzo non só encheu Espiñeira de ilusión ao compartir a curta co resto de alumnado e profesorado, senón que tamén levounas e levounos a participar en varios concursos. E, dos tres, en dous foron recoñecidas e recoñecidos:
- No concurso Nós tamén creamos recibiron un accésit.
- Nos V Premios Fouciño, aínda que as titoras acudiron con nervios e esperanza, a sorte non as acompañou.
- No XVI Certame de Cine Internacional Escolar OUFF Escola, o seu traballo foi premiado cun marabilloso 3º premio.
Hoxe, quero convidarvos a percorrer este camiño con nós. A través do primeiro enlace podedes descubrir cada paso e cada esforzo que fixo posible o proxecto. E despois, deixádevos levar pola entrañable historia da avoa Alba e da súa neta Carmela, unha historia que, prométovolo, atrapará os vosos corazóns coma o fixo cos nosos.
Como recordo deste proceso, as titoras agasallaron a todas as persoas participantes cun pequeno libro que garda unha historia grande, escrita con tenrura e con orgullo.
Porque ás veces, cando se traballa co corazón, as mans nunca están baleiras: están cheas de vida, cheas de contos, cheas de futuro.
Ata outra!
Espiñeiriña.



No hay comentarios:
Publicar un comentario