18.11.25

O ARRECENDO DO MAGOSTO

Boas tardes queridiñas lectoras e lectores!

Hoxe estou aquí para contarvos como foi o Magosto na nosa escoliña... Logo de deixar atrás o Samaín, xa nos petan á porta os Magostos, unha celebración moi especial na que o arrecendo das castañas asadas enche cada ano a nosa escola. A protagonista desta festa é, sen dúbida, a castaña, un froito moi saboroso da nosa terra. E, sabedes que hai moitas maneiras de referirse a ela en función de como a cociñamos: as castañas cocidas chámanselle mamotas ou burgazos, se son asadas, caroucóns, bullós ou carrolos, e a acción de cociñalas asadas coñécese como magostar.

O martes 11 de novembro celebramos en Espiñeira o noso Magosto, unha festa moi querida e esperada por toda a comunidade educativa. Como cada ano, contamos coa colaboración da Asociación Corredoiras, que nos fixo lembrar o sabor de antano, cando o importante era xogar, rir e compartir, sen importar con que. Teño que dicir que pasámolo xenial xogando á chave, á corda e a moitos xogos máis onde estivo mesturada, por un lado, a cativada de Educación Infantil, 1º e 2º de Educación Primaria, e por outro lado, a de 3º, 4º, 5º e 6º de Educación Primaria.

A xornada rematou co arrecendo máis esperado: o das castañas asadas, preparadas coa axuda das familias, da nosa conserxe Araceli e dun traballador. Despois dun día ventoso e frío, foi un auténtico pracer para os sentidos! As castañas servíronse en recipientes elaborados polo propio alumnado: envases de leite decorados con follas, conos feitos con papel de xornal,... pequenas obras de arte cheas de creatividade. 













Neste sentido, como somos unha escola aberta, convidamos ás familias a vir compartir este momento, a cantar, a bailar e, sobre todo, a vivir xuntas e xuntos a calor do Magosto. Cómpre engadir que nos días previos, as nenas e os nenos traballaron arredor desta festa tan nosa: desfrutaron de sopas de letras, leron contos, aprenderon novas palabras e tradicións,... Así, pouco a pouco, fomos mantendo viva a memoria do que somos.

En resumidas contas, o Magosto é moito máis que unha festa: é un intre para agradecer, para lembrar e para sentir o que nos une como comunidade.

Con moito agarimo,

Espiñeiriña.

4.11.25

SAMAÍN 2025

En Espiñeira celebramos o Samaín por todo o alto! O cole encheuse de cabazas, pantasmas, vampiros e risas aterradoras nunha xornada chea de imaxinación, xogos e moito espíritu (do bo).

O alumnado puido gozar de sete estacións que puxeron a proba a súa valentía e creatividade:

ENMASCARÍZATE, para dar vida ás máscaras máis orixinais e terroríficas.



MONSTROS ARRIBA, un xogo divertido que te fai mover o corpo para "chinchar" ó contrincario.



PEDRAS TERRORÍFICAS, onde a arte se mesturou co misterio.




BURATO DO INFERNO, no que o bo manexo do paracaídas evitou que foran devorados polos temibles tiburóns. 


CONTOS DE MEDO, porque crear as mellores historias tamén poden dar arrepíos.


PITA ZOMBIE, un xogo tolo que fixo rir ata os esqueletes.



Para rematar e en consonancia co proxecto de centro, Do mar nace o azul da vida, adentrámonos no PASADIZO DAS ONDAS, unha experiencia sensorial, emocionante e máxica que conquistou a tódala cativada do cole.





Preme no seguinte enlace para ver o pasadizo completo:

Foi un día inesquecible no que mesturamos tradición, fantasía e moita diversión. O Samaín na Espiñeira é unha cita ineludible... e xa estamos desexando repetir o ano que vén!







Graciñas ás familias pola vosa colaboración e creatividade realizando esta degustación de merendas aterrecedoramente apetitosas.

Dende a biblioteca achegáronnos obras literarias relacionadas con esta celebración:



Por último, compartímosvos o vídeo resumo que publicamos na nosa conta de Instagram.
Para acceder preme na seguinte ligazón: 

❤💀👽👻👹🍁🐡🎃

Un terrorífico saúdo da vosa amiga e aventureira dos mares,

Espiñeiriña.



28.10.25

VEN NAVEGAR POLA MAREA DE COÑECEMENTO Á NOSA BIBLIOTECA!

Boas tardes queridiñas e queridiños!

Un novo curso comeza e, un ano máis, abrimos as portas a nosa Biblioteca o día 24 de outubro, Día das Bibliotecas escolares. Nese día a nosa escoliña encheuse de vida, de contos e de mares por descubrir. A Biblioteca, ese porto seguro onde as palabras agardan como barcos á deriva, abriu as súas portas para acoller ao alumnado nunha travesía polo océano do saber.

Neste sentido, baixo o lema do noso Proxecto Documental Integrado deste ano "Do mar nace o azul da vida", o Equipo de Biblioteca organizou unha xornada chea de obradoiros e soños compartidos. Para iso, contamos coa axuda inestimable de Irene, Marián, Pablo, Antonio e Seso, familias que coa súa luz guiaron á nosa pequena tripulación, como fan os faros nas noites de néboa.

A continuación, no relativo aos obradoiros, no primeiro a cativada de Educación Infantil mergullouse en mares de cor, creando fondos mariños con pasta de cores que se transformaban en corais de fantasía. No segundo, estampaban camisetas con animais mariños, mentres as súas mans deixaban pegadas de creatividade. Por último, no terceiro que tivo lugar na Biblioteca, gozaron dun contacontos onde os libros de Rainbow warrior e Un peixe é un peixe se deron a man para navegar xuntos entre risas e soños.

- Estampación de camisetas:






- Contacontos:


En canto as nenas e aos nenos de 1º, 2º e 3º de Educación Primaria, exploraron as curiosidades mariñas a través dun Kahoot, descubrindo se un polbo pode meterse nunha botella e outros segredos que agocha o fondo do mar. Despois, continuaron estampando camisetas mariñas e remataron creando cadros suxeita-papeis decorados con plastilina.

- Kahoot:



- Estampación de camisetas mariñas:


- Cadro suxeita-papeis:


Mentres tanto, a pequena marea de 4º, 5º e 6º de Educación Primaria converteuse nunha auténtica navegante: desfrutou xogando ao Kahoot das curiosidades mariñas, aprendeu a facer nós mariñeiros e descubriu o fascinante mundo dos faros e das cartas de navegación. Pablo, coa súa paixón polo mundo náutico, axudoulle a coñecer os faros da ría de Vigo, a interpretar profundidades e a entender como a luz dun faro pode guiarnos incluso cando o mar se volve escuro. 

- Kahoot:



- Nós mariñeiros:


- Faros e cartas de navegación:

 





A nivel de centro, un grande mural xurdiu das mans do noso alumnado que navega polos mares do coñecemento, rodeado de seres mariños que nos lembran que aprender é tamén unha forma de vivir. 

Finalmente, a xornada rematou cun pequeno agasallo para as persoas colaboradoras: un libro de poesía, símbolo de gratitude. Na primeira páxina, unha dedicatoria dicía: No mar da escola, onde cada día aprendemos a navegar entre soños e descubertas, hai faros que nos guían coas súa luz. Dende o Equipo de Biblioteca queremos agradecerche a túa xenerosidade e traballo. Grazas por tender pontes entre a familia e a escola, por facer do encontro un espazo de mar aberto, por traer ás mans do alumnado a beleza do saber compartido. Cada obradoiro foi unha onda de ilusión que deixou pegada nas nosas mareas pequenas. E nós, agradecidas e agradecidos, agasallámosche cun libro de poesía, para que sigas facendo da vida un poema, e dos días comúns, versos que brillen.


E así, entre versos e mareas, pechamos este día de ilusión, abrindo de par en par as portas da nosa Biblioteca. Un lugar onde os libros son velas e o alumnado, vento que empurra o noso barco escolar cara novos horizontes...

Ata a próxima!

Espiñeiriña.