18.11.25

O ARRECENDO DO MAGOSTO

Boas tardes queridiñas lectoras e lectores!

Hoxe estou aquí para contarvos como foi o Magosto na nosa escoliña... Logo de deixar atrás o Samaín, xa nos petan á porta os Magostos, unha celebración moi especial na que o arrecendo das castañas asadas enche cada ano a nosa escola. A protagonista desta festa é, sen dúbida, a castaña, un froito moi saboroso da nosa terra. E, sabedes que hai moitas maneiras de referirse a ela en función de como a cociñamos: as castañas cocidas chámanselle mamotas ou burgazos, se son asadas, caroucóns, bullós ou carrolos, e a acción de cociñalas asadas coñécese como magostar.

O martes 11 de novembro celebramos en Espiñeira o noso Magosto, unha festa moi querida e esperada por toda a comunidade educativa. Como cada ano, contamos coa colaboración da Asociación Corredoiras, que nos fixo lembrar o sabor de antano, cando o importante era xogar, rir e compartir, sen importar con que. Teño que dicir que pasámolo xenial xogando á chave, á corda e a moitos xogos máis onde estivo mesturada, por un lado, a cativada de Educación Infantil, 1º e 2º de Educación Primaria, e por outro lado, a de 3º, 4º, 5º e 6º de Educación Primaria.

A xornada rematou co arrecendo máis esperado: o das castañas asadas, preparadas coa axuda das familias, da nosa conserxe Araceli e dun traballador. Despois dun día ventoso e frío, foi un auténtico pracer para os sentidos! As castañas servíronse en recipientes elaborados polo propio alumnado: envases de leite decorados con follas, conos feitos con papel de xornal,... pequenas obras de arte cheas de creatividade. 













Neste sentido, como somos unha escola aberta, convidamos ás familias a vir compartir este momento, a cantar, a bailar e, sobre todo, a vivir xuntas e xuntos a calor do Magosto. Cómpre engadir que nos días previos, as nenas e os nenos traballaron arredor desta festa tan nosa: desfrutaron de sopas de letras, leron contos, aprenderon novas palabras e tradicións,... Así, pouco a pouco, fomos mantendo viva a memoria do que somos.

En resumidas contas, o Magosto é moito máis que unha festa: é un intre para agradecer, para lembrar e para sentir o que nos une como comunidade.

Con moito agarimo,

Espiñeiriña.

No hay comentarios:

Publicar un comentario