Esta semana o alumnado de infantil e 1º e 2º de primaria viviron unha experiencia moi especial: unha saída ó buzón de correos de Rozabales para enviar postais as súas familias!
A proposta didáctica viu motivada por un Elfo amigo de Espiñeiriña que é ben traste, sobre todo en 1º e 2º EP e, en infantil, deixa misións no calendario de advento. Dende a biblioteca, Espiñeiriña aconsellounos diferentes lecturas que levamos a cabo e motivaron aínda máis o noso reto.
Encantados coa iniciativa de retomar a vía de mensaxeria tradicional, comezaron a decorar a súa propia postal con debuxos, cores, cosendo e moita creatividade. Despois, escribiron unha mensaxe persoal chea de cariño e agradecemento cara os seus seres máis queridos e desexando felices festas. Coa axuda das persoas titoras, colocaron o selo e cerraron o sobre con moita ledicia, nerviosismo e ilusión 💫
Unha vez todo listo, dirixímonos cara o noso destino, pero antes de chegar falamos sobre como funciona o correo postal, que fai unha carteira e un carteiro e por que enviar unha carta segue sendo algo máxico.
Ao chegar, cada nena e cada neno tivo a oportunidade de introducir o seu sobre no buzón, sentíndose o protagonista dun xesto e dunha acción súper emocionante!
Esperamos que moi pronto cheguen estas postais a casa e que as familias desfruten deste pequeno e agarimoso xesto de amor.
Non podemos despedirnos sen agradecer o bo trato recibido polas dependentas do Estanco de Rozabales! Moitísimas grazas polo detalliño que lle entregastes ás crianzas 💕
Como cada ano compartimos con todas e todos vós as GUÍAS DE LECTURA,coas últimas novidades en lectura e música en galego, elaboradas pola Coordinadora dos Equipos de Dinamización Lingüística do Morrazo, do que formamos parte.
Nesta ocasión decidimos ter en conta este Ano Castelao 2025, co obxectivo de conmemorar a memoria e o legado de quen é considerado un dos fundadores da Galicia contemporánea, a súa cultura e o seu marco político.
Por iso, o texto implícito nelas é unha cita deste autor, facendo fincapé na súa figura e por suposto, na nosa lingua nai...
"SEN LINGUA NON HAI IDENTIDADE"
Aproveitando este grandísimo labor, compartimos as guías de lectura coas recomendacións lectoras e musicais. Animádevos a mercar na nosa vila e nas súas librarías...
EDUCACIÓN INFANTIL
EDUCACIÓN PRIMARIA
EDUCACIÓN SECUNDARIA Ademais, deixamos a vosa disposición este fermoso CARTEL que inclúe suxestións para INFANTIL, PRIMARIA, SECUNDARIA E PERSOAS ADULTAS.
Esperamos que vos sirvan de axuda e que poidades gozar do pracer da lectura e da música en galego...
No noso cole os valores fundamentais de dita conmemoración trabállanse de xeito vivencial todos os días, rompendo as posibles barreiras físicas, cognitivas, comunicativas, sociais...xa que, por sorte, todas as persoas somos e temos capacidades diferentes que valoramos grazas á contorna inclusiva que nos rodea.
Para despertar a curiosidade do alumnado comezamos dando visibilidade, cun mural colaborativo, colocado nun lugar estratéxico do cole (o corredor polo que se vai á biblioteca).
En todas as aulas se traballou co visionado de curtas adaptadas a súa idade co fin de facer, posteriormente, reflexións individuais e grupais sobre a importancia do respecto, empatía, axuda mutua e comprensión da diversidade de capacidades e situacións que se dan na nosa sociedade próxima.
O alumnado de 3º a 6º de primaria tiveron a sorte de aprender e practicar dous deportes federados, para persoas con discapacidade motórica, como son o Slalom e a Boccia. Grazas ás xogadoras e xogadores Antía, Susi, Gonzalo e Paco, da Asociación deportiva APAMP-TAMIAR, que ademais de ser os seus adestradores por un día, tamén lle explicaron que é a parálise cerebral, porque se produciu no caso de cada unha/un de elas/eles e en que lles afecta no seu día a día.
Por suposto, as axudantes de biblioteca estiveron seleccionando a bibliografía máis específica que temos no cole.
Coas mans cheas de soños veño contarvos que o curso pasado, 2024-2025, as clases de 1º e 2º de Educación Primaria (hoxe orgullosas alumnas e alumnos de 2º e 3º) embarcáronse nunha aventura que non deixará nunca de latexar na memoria de Espiñeira. Unha vez máis, participaron no Proxecta Nós tamén creamos e fixérono coa ilusión de quen abre por primeira vez un libro que sabe que lle vai cambiar algo por dentro.
Despois, Borja membro da editorial OQO compartiu coas titoras Noemí, Laura e co titor Alfonso unha pequena formación, breve pero chea de luz, para orientalas e orientalo no proceso creativo. Tanto o alumnado como o profesorado estivo acompañado dun feixe de libros, que foron pasando de mans en mans, de mirada en mirada, ata que, despois de lelos todos con atención e entusiasmo, a cativada escolleu Coas mans baleiras de Ana Tortosa Diego. Aquel título, aparentemente sinxelo, abriu en elas e eles un mundo enteiro.
E entón comezou a maxia.
Entre todas e todos cambiaron a historia, debuxaron ás protagonistas que vivirían na súa versión, construíron o escenario cunha paciencia infinita e coa gran axuda da nosa conserxe Araceli, sacaron foto tras foto co programa Stop Motion Studio, montaron o vídeo... e, sobre todo, soñaron. Soñaron moito. E como di Aldara, fixérono con moitísima paciencia, esa que só nace cando se traballa dende o corazón.
Meses despois, o resultado brillou con luz propia: unha curtametraxe feita con mans pequenas pero valentes, con ideas grandes, con gargalladas, silencios, intentos, rectificacións e un orgullo difícil de explicar con palabras.
O seu esforzo non só encheu Espiñeira de ilusión ao compartir a curta co resto de alumnado e profesorado, senón que tamén levounas e levounos a participar en varios concursos. E, dos tres, en dous foron recoñecidas e recoñecidos:
- No concurso Nós tamén creamos recibiron un accésit.
- Nos V Premios Fouciño, aínda que as titoras acudiron con nervios e esperanza, a sorte non as acompañou.
- No XVI Certame de Cine Internacional Escolar OUFF Escola, o seu traballo foi premiado cun marabilloso 3º premio.
Hoxe, quero convidarvos a percorrer este camiño con nós. A través do primeiro enlace podedes descubrir cada paso e cada esforzo que fixo posible o proxecto. E despois, deixádevos levar pola entrañable historia da avoa Alba e da súa neta Carmela, unha historia que, prométovolo, atrapará os vosos corazóns coma o fixo cos nosos.
Como recordo deste proceso, as titoras agasallaron a todas as persoas participantes cun pequeno libro que garda unha historia grande, escrita con tenrura e con orgullo.
Porque ás veces, cando se traballa co corazón, as mans nunca están baleiras: están cheas de vida, cheas de contos, cheas de futuro.