28.10.24

DÍA DAS BIBLIOTECAS ESCOLARES: POR UN FUTURO SOSTIBLE

Boas tardes queridiña comunidade educativa!

Xa me tendes por aquí de novo, inauguro o blog este curso escolar da mellor maneira posible, falando do fermoso 24 de outubro, Día das bibliotecas escolares. Este ano ten como lema "por un futuro sostible" xa que mediante as coleccións, os servizos e as actividades, as bibliotecas contribúen a construír unha sociedade cada vez mellor informada, máis igualitaria, solidaria e xusta, plenamente consciente da necesidade de levar un modo de vida sostible como compromiso coas xeracións futuras.  

En este sentido, a nosa biblioteca pretende conseguir o anteriormente mencionado e busca chamar a atención de toda aquela persoa que pretenda mellorar a escritura, fomentar a cultura, estimular a necesidade de aprender, atopar un espazo de alfabetización e sobre todo, desfrutar, asombrarse e imaxinar.

Neste sentido, deste máxico lugar saen moitas das propostas de actividades do centro e a primeira é a celebración do Día das bibliotecas. Como de costume, intentamos relacionar as propostas co proxecto do centro que este ano é: Intelixencia Artesanal, a maxia e a beleza do feito a man. Pois, a debate veñen ideas como: desaparecerá a artesanía humana a medida que a intelixencia artificial supere os nosos límites? ou ben pervivirá ese piar da nosa cultura e resultará máis valioso que nunca? 

Nós, é dicir, toda a comunidade educativa de Espiñeira pretende salientar a importancia dos procesos artesanais, do xenuíno. Noutras palabras, apreciamos as cousas feitas dende o corazón, coas mans e os cinco sentidos. Polo que, en definitiva, é o que nos diferencia da perfección das máquinas. 

Por iso, artellamos unha serie de obradoiros ao longo de todo o día programados e levados a cabo polas nais, pais e familiares:

- Educación Infantil:

    * Barquiños con cáscara de noz: organizado por Pablo De Castro (pai dunha nena de 5º de E.P.) e levado a cabo polas mestras e mestres desta etapa.

 


    * Monicreques con calcetíns reutilizados: proposto por Cristina Gomes (antiga nai da escola). 


 
                                                       


- 1º, 2º e 3º de Educación Primaria:

    * Marcapáxinas con flores secas: levado a cabo por Marta Gregorio (nai dunha nena de 2º de E. P.).




    * Bordado de rosas en camisetas que trouxo previamente o alumnado e foi impartido Iria Paredes (nai dun neno de 2º de E.P. e dunha nena de 4º de E. P.).




    * Lapiseiros con latas reutilizadas organizado por Araceli Carracelas (conserxe da escola).





- 4º, 5º e 6º de Educación Primaria:

    * Veleiros de madeira: impartido tamén por Pablo De Castro.






    * Coiro: dinamizado por Libi (tío duns nenos de 5º de E. P.).    



    * Contacontos sobre a obra O misterio do faro vello de Fina Casalderrey: dinamizado por Irene Rial (nai dunha nena de 6º de E. I. e 5º de E.P.) e Marian Bravo (nai dunha nena de 1º de E.P. e dun neno de 3º de E.P.).

Cómpre subliñar que para a realización destes obradoiros, o Equipo de Biblioteca reuniu todos os materiais previamente solicitados polas persoas que ían impartir as actividades. E, se se suma a preparación de todo o material, a implicación, as ganas e o entusiasmo que puxeron as familias participantes e a conserxe, o resultado foi un éxito. De feito así o recolleu o Faro de Vigo. 

Ata outra!

Espiñeiriña.



No hay comentarios:

Publicar un comentario