Onte tivemos o privilexio de ter entre nós á escritora Marisa Núñez!
Sabedes por que?
Dende a Concellería de Servizos Sociais, Igualdade, Feminismo e Sanidade propuxéronos colaborar na proposta "RECUPERANDO A HISTORIAS DAS MIÑAS VECIÑAS" que consiste en dar a coñecer o traballo de mulleres nadas en Cangas ou que desenvolveron o seu traballo na nosa vila.
Como no Contexto Lingüístico van facer un traballo sobre o 8M centrado en "As escritoras que escribiron na sombra", eliximos dar a coñecer unha escritora afincada en Cangas que ten publicados marabillosos libros infantís que xa forman parte do imaxinario de moitos das nosas cativas e dos nosos cativos, Marisa Núñez.
Moi amablemente, respostou á nosa proposta e falounos da súa vida e obra, cunha paixón cautivadora que resoa aínda nas paredes da Biblioteca do colexio da Espiñeira. Ela, contounos como enfiaba os seus contos na súa cabeza, xa que, zurda contrariada por unha escola represora, o seu maxín dáballe a liberdade que o lápis engaiolaba. Pendurando das árbores, inspirada nos obxectos cotiás, en situacións que a moitos nos pasarían desapercibidas, foi tecendo personaxes como a rebelde Cebra Camila ou a marabillosa Lucinda e o Inspector Vinagre.
Non podía marchar sen agasallarnos coa lectura de Cocorico que fixo as delicias do alumnado máis cativo. Por suposto, achegouse a dar os seus parabéns á rapazada de 2º e 3º de Educación Primaria que gañaron o certame Ourense Film Festival 2021 de Stop Motion o curso pasado co traballo inspirado no seu libro O camiño.
Foi unha xornada inesquecible para todas e todos. Estamos seguras e seguros que a paixón pola escrita que saiu das súas verbas deixou pegada. Que ben poder compartilo! Grazas mil, Marisaaaa!!!
Lendo Cocorico á cativada.
Aplaudindo á autoría do Stop Motion de O camiño.
Unha aperta agarimosa,
Espiñeiriña.
No hay comentarios:
Publicar un comentario