19.5.22

GREEN SEEDS

O noso alumnado impartindo docencia a futuros mestres e mestras! Menuda experiencia!

Así é, os nenos e nenas de 6º de Educación Primaria visitaron o pasado luns as instalacións da UVigo en Pontevedra. As facultades de Ciencias da Educación e do Deporte, así como a de Enxeñaría Forestal, foron os lugares escollidos para dar a coñecer o proxecto sobre o coidado medioambiental no que estiveron traballando estes dous cursos.

Recibidos e guiados polo decano, Óscar García, realizaron unha visita por sendos edificios, onde puideron descubrir e desfrutar dalgúns dos espazos adicados á formación dos futuros docentes.




Ao rematar a visita, chegou o momento da verdade: a exposición do proxecto! Con nervios de emoción e con moita ilusión, fixeron a súa defensa ante o alumnado universitario dos Graos de Educación Primaria e Educación Infantil. 

E que foi o que presentaron? O proxecto de Erasmus+ que leva por nome Green SEEDS (Sinergy and Environment to Empower Decentralised School) ten como obxectivo empoderar a pequenas escolas rurais como a nosa, a través dun traballo conxunto entre o profesorado e o alumnado de diferentes centros europeos (Italia, Chipre, Croacia, Grecia e España). 

Coa temática medioambiental como eido principal de investigación, a actual clase de 6º de primaria (e máis o grupo de 6º do ano pasado) levou a cabo diferentes actividades centradas no coidado da nosa contorna natural, máis concretamente sobre a presenza de plásticos do mar.

Axudados por algúns recursos ofrecidos dende a biblioteca do centro, deseñaron, planificaron e realizaron unha proposta de análise destes residuos contaminantes na praia de Areacova. 

Na seguinte ligazón podedes visualizar a presentación que expuseron, onde se recolle de maneira pormenorizada todo o proceso de investigación, traballo cooperativo co centro irmandado de Italia e as accións realizadas.


Tras as exposicións, como bos ponentes, foron merecedores dunha boa merenda e recibiron cadanseu certificado conforme "impartiron docencia". Ademais, foron os encargados e encargadas de asinar ás e ós universitarios os xustificantes de asistencia á súa exposición.




Para máis información sobre o proxecto, podedes consultar a súa páxina web oficial, onde se contemplan todas as propostas realizadas por todos os centros europeos participantes. É moi interesante e enriquecedor!






No hay comentarios:

Publicar un comentario