28.11.25

NADA QUE CELEBRAR!

O pasado 25 de novembro a nosa escola sumouse á conmemoración do Día Internacional contra a Violencia de Xénero. Foi unha xornada de reflexión, aprendizaxe e reivindicación!

Durante dúas semanas estivemos traballando sobre unha canción composta por Carolina Vázquez titulada Nada que celebrar. As nenas e os nenos fixeron pancartas coa letra da canción, traballaron sobre o contido da mesma, sensibilizáronse e logo lograron trasmitir ese sentimento ós viandantes e público que se parou para observar a nosa actuación e interpretación de Nada que celebrar!

O acto levouse a cabo nunha praza do Concello de Cangas para chegar así a máis xente.

Ademais, dende contexto lingüístico e literario o alumnado de 3º a 6º EP levou a cabo un gran mural colectivo que agora decora os corredores do centro. O mural transmite a importancia da igualdade entre as persoas e recórdanos que cada xesto, cada palabra e "cada pinga" conta para lograr unha convivencia máis xusta.




O alumnado desenvolveu a expresión escrita e a imaxinación coa creación de relatos "Historias que Contan", protagonizadas por personaxes que viven situacións de desigualdade.


Asimesmo, redactaron "Mensaxes que Abrazan", cartas dirixidas a persoas que estean sufrindo violencia, ofrecéndolles apoio, ánimo e esperanza. Porque non hai acto máis revolucionario que levarnos ben!


Dende a biblioteca seleccionouse unha serie de bibliografía diversa e para tódalas idades:


Con estas actividades, quixemos aportar o noso gran de area para educar en valores e concienciar dende a infancia sobre a importancia de vivir nunha sociedade igualitaria e libre de violencia 💜


Ata a próxima navegantes,

Espiñeiriña.



26.11.25

20N: DÍA DOS DEREITOS DA INFANCIA

A nosa escola encheuse de cores, sorrisos e... pixamas! Este 20 de novembro, alumnado e profesorado vimos a clase coa nosa roupa de durmir para reivindicar e recordar algo moi importante: toda nena e todo neno ten dereito a medrar nun fogar cheo de amor e en familia!

O Día do Pixama está vinculado á sensibilización sobre a acollida familiar e ó benestar infantil. A través de actividades educativas e lúdicas, queremos que o noso alumnado comprenda o valor da familia, o afecto e a importancia de que a cativada poida sentirse protexida.


Realizamos sesións de contacontos, lecturas compartidas, fotos grupais e artistadas conmemorando este día. Tamén, cabe engadir, que dende a biblioteca achegouse unha selección de contos relacionados cos dereitos da infancia e coa diversidade familiar que se levaron ás aulas.

Ademais, consideramos moi importante realizar este tipo de xornadas xa que permite desenvolver no alumnado o sentimento da empatía, a solidariedade e o respecto, pilares fundamentais da nosa comunidade educativa. 

Por último, agradecer esta iniciativa a ACOUGO (Asociación Galega de Familias de Acollida) e a ASEAF (Asociación Estatal de Acogimiento Familiar). Graciñas polo bo labor que facedes e por contar con nós para levar a cabo esta marabillosa acción.

Sen máis, miñas e meus navegantes queridos, espero que xuntiños logremos facer un mundo máis xusto.

Espiñeiriña.



18.11.25

O ARRECENDO DO MAGOSTO

Boas tardes queridiñas lectoras e lectores!

Hoxe estou aquí para contarvos como foi o Magosto na nosa escoliña... Logo de deixar atrás o Samaín, xa nos petan á porta os Magostos, unha celebración moi especial na que o arrecendo das castañas asadas enche cada ano a nosa escola. A protagonista desta festa é, sen dúbida, a castaña, un froito moi saboroso da nosa terra. E, sabedes que hai moitas maneiras de referirse a ela en función de como a cociñamos: as castañas cocidas chámanselle mamotas ou burgazos, se son asadas, caroucóns, bullós ou carrolos, e a acción de cociñalas asadas coñécese como magostar.

O martes 11 de novembro celebramos en Espiñeira o noso Magosto, unha festa moi querida e esperada por toda a comunidade educativa. Como cada ano, contamos coa colaboración da Asociación Corredoiras, que nos fixo lembrar o sabor de antano, cando o importante era xogar, rir e compartir, sen importar con que. Teño que dicir que pasámolo xenial xogando á chave, á corda e a moitos xogos máis onde estivo mesturada, por un lado, a cativada de Educación Infantil, 1º e 2º de Educación Primaria, e por outro lado, a de 3º, 4º, 5º e 6º de Educación Primaria.

A xornada rematou co arrecendo máis esperado: o das castañas asadas, preparadas coa axuda das familias, da nosa conserxe Araceli e dun traballador. Despois dun día ventoso e frío, foi un auténtico pracer para os sentidos! As castañas servíronse en recipientes elaborados polo propio alumnado: envases de leite decorados con follas, conos feitos con papel de xornal,... pequenas obras de arte cheas de creatividade. 













Neste sentido, como somos unha escola aberta, convidamos ás familias a vir compartir este momento, a cantar, a bailar e, sobre todo, a vivir xuntas e xuntos a calor do Magosto. Cómpre engadir que nos días previos, as nenas e os nenos traballaron arredor desta festa tan nosa: desfrutaron de sopas de letras, leron contos, aprenderon novas palabras e tradicións,... Así, pouco a pouco, fomos mantendo viva a memoria do que somos.

En resumidas contas, o Magosto é moito máis que unha festa: é un intre para agradecer, para lembrar e para sentir o que nos une como comunidade.

Con moito agarimo,

Espiñeiriña.

4.11.25

SAMAÍN 2025

En Espiñeira celebramos o Samaín por todo o alto! O cole encheuse de cabazas, pantasmas, vampiros e risas aterradoras nunha xornada chea de imaxinación, xogos e moito espíritu (do bo).

O alumnado puido gozar de sete estacións que puxeron a proba a súa valentía e creatividade:

ENMASCARÍZATE, para dar vida ás máscaras máis orixinais e terroríficas.



MONSTROS ARRIBA, un xogo divertido que te fai mover o corpo para "chinchar" ó contrincario.



PEDRAS TERRORÍFICAS, onde a arte se mesturou co misterio.




BURATO DO INFERNO, no que o bo manexo do paracaídas evitou que foran devorados polos temibles tiburóns. 


CONTOS DE MEDO, porque crear as mellores historias tamén poden dar arrepíos.


PITA ZOMBIE, un xogo tolo que fixo rir ata os esqueletes.



Para rematar e en consonancia co proxecto de centro, Do mar nace o azul da vida, adentrámonos no PASADIZO DAS ONDAS, unha experiencia sensorial, emocionante e máxica que conquistou a tódala cativada do cole.





Preme no seguinte enlace para ver o pasadizo completo:

Foi un día inesquecible no que mesturamos tradición, fantasía e moita diversión. O Samaín na Espiñeira é unha cita ineludible... e xa estamos desexando repetir o ano que vén!







Graciñas ás familias pola vosa colaboración e creatividade realizando esta degustación de merendas aterrecedoramente apetitosas.

Dende a biblioteca achegáronnos obras literarias relacionadas con esta celebración:



Por último, compartímosvos o vídeo resumo que publicamos na nosa conta de Instagram.
Para acceder preme na seguinte ligazón: 

❤💀👽👻👹🍁🐡🎃

Un terrorífico saúdo da vosa amiga e aventureira dos mares,

Espiñeiriña.