4.4.24

SAÍDA AO BOSQUE ENCANTADO DE ALDÁN

Aproveitando a celebración do Día dos bosques, fixemos unha actividade de peche de trimestre no Bosque encantado de Aldán. Por ciclos fomos realizando unha rota por este espazo, identificando especies autóctonas e invasoras, pegadas antrópicas (muiños, lavadoiro, pintadas, lixo..), etc. Aprendemos que somos visitantes na natureza, e igual que na casa allea non chillamos, alborotamos nin emporcallamos, cando saímos ao medio natural debemos facer o mesmo. 
Ademais así decátamonos dos sons que normalmente afogamos co noso ruido: miñatos e merlos foron os primeiros en lanzarnos mensaxes sonoras, pero tamén soubemos apreciar o prácido murmullo das augas no seu discurrir irregular ao noso carón. O achádego dun cadáver recén depredado de rata campestre puso o momento CSI á saída, e poidemos deducir varias cousas ao redor deste misterioso asasinato: o rigor mortis e os restos aínda vermellos de sangue faláronnos do recente deceso, e a ausencia da cabeza deunos pista sobre os posibles sospeitosos, todos eles da banda dos mustélidos (sen quitar á xeneta, que non está emparentada con eles pero comparte similitudes no seu modus operandi).



 A chegada da primavera anunciábase no transcurso da nosa camiñata en forma de gromos novos das árbores e arbustos autóctonos, como o amieiro sustentador das beiras fluviais, o salgueiro ou o carballo, todos eles coa cortiza embelecida por un popurrí de liquens, musgos e algún fento. Non obstante, non poidemos deixar de observar a avarenta presenza das especies invasoras, que acaparan o espazo vital do solo para elas soas: a tradescantia alfombra practicamente todo o solo, competindo nalgúns puntos coas canas, o bambú e mesmo os tallos secos da tintureira, que advirten do seu próximo rexurdir este ano. 
Malia todo, a delicada presenza dalgunhas flores temperás, como o xeranio silvestre, a azul borraxe ou as pequenas flores dos amorodos silvestres destacaban como silenciosa resistencia ante o avance das invasoras.



Logo, xa que o alumnado de infantil e 1º e 2º ciclo de primaria fixeron unha ruta máis cortiña, e o bo tempo acompañaba, aproveitamos para baixar un ratiño a xogar ao parque de Aldán.




Despois, volvemos ao bosque e sobre as 12:30, comezaron a chegar as familias para merendar todos xuntos, con tanto andar e xogar xa había fame!



Xa nas inmediacións do castelo, todos participamos na busca de pegadas dalgúns dos mamíferos máis relevantes da nosa fauna: o lobo, raposo, lontra, esquío... representados en rachas de madeira preparadas para a ocasión. Quen quixo tamén puido disfrutar das estacións de xogos que se organizaron para que o alumnado xogara libremente. Algunhas eran a petanca, o pano, a corda e o brilé. Foi un día inesquecible!

O agasallo dun día solleiro e o encontro coas familias neste espazo singular, puso o broche final a esta fermosa xornada.



Vémonos á volta das vacacións!
Saudiños.

No hay comentarios:

Publicar un comentario