19.5.23

TI MÁIS EU FORMAMOS O MUNDO!

Ola Mundo!

Inclusión, semellanzas, respecto, culturas, diferenzas, igualdade,... porque estas palabras? Pois ben, estes termos compoñen a árbore da vida que leva como nome a interculturalidade.

Neste sentido, este termo refírese á confluencia entre dúas ou máis culturas que conviven e relaciónanse entre si, a pesar das diferenzas culturais. Todas as culturas participantes do intercambio inflúense entre elas, beneficiándose unhas das outras.

Porén, é certo que na práctica, as veces, obsérvase que se dan xerarquías entre as diversas realidades culturais, que existen barreiras culturais e desigualdades sociais. Polo que, cómpre apelar ao diálogo, ao respecto e ao achegamento sen prexuízos

Isto é un tarefa na que está traballando a sociedade na que vivimos, e, por suposto, a nosa escola, na que as diferenzas conforman a realidade do día a día.

Tendo en conta o dito, en Espiñeira temos claro que non soamente fan escola a comunidade educativa e as familias, senón que tamén a sociedade, a nosa contorna máis próxima, como é neste caso o Concello de Cangas. Este ano celebráronse as XVI Xornadas Interculturais cuns obradoiros destinados a Educación Primaria. A continuación vou nomear as tres actividades levadas a cabo:

- Contos do mundo. As viaxes de Irene (ONG Solidariedade Internacional de Galicia): para o alumnado de 4º de Educación Primaria.

- Ximkana Multicultural (Solidariedade Internacional de Galicia): para o alumnado de 5º de Educación Primaria.

- A Gran Festa (ONG Ecos do Sur): para o alumnado de 6º de Educación Primaria.

Ademais, a cativada de Educación Infantil, 2º e 3º tamén tiveron a gran sorte de desfrutar dunha sesión de contacontos con Anxo Moure.









En definitiva, non esquezades nunca de pensar na outra persoa, de recoñecela e actuar en sintonía coas súas características culturais. Esta é a chave de felicidade! Prométovolo!

Unha apertiña agarimosa,

Espiñeiriña.


No hay comentarios:

Publicar un comentario