Boas tardes mundo!
Hoxe estou aquí para contarvos un pouco que ocorreu neste escola o 6 de marzo porque o día 8 foi domingo... Queredes saber? Pois non tendes máis que ler o que ven a continuación!
Hai días que non se esquecen porque se senten. Ese venres foi un deses días en Espiñeira: un día tecido con palabras, música, memoria e emoción. Unha vez máis contamos co traballo, a implicación e a entrega do noso alumnado axudante de Biblioteca. Porque si, sempre o dicimos: non soamente colocan libros, senón que lle dan vida á Biblioteca, énchena de ideas, de iniciativas, de corazón. Tras compartir opinións, debater, falar e escoitarse, xurdiu unha propostas que medrou pouco a pouco ata converterse en algo especial: unha posta en escena, unha representación que nos fixese lembrar a importancia da muller ao longo da historia.
E así foi como comezaron a soar nomes... nomes que son memoria e loita, nomes que abriron camiños: mamás soñadoras e valentes, Judith, Jan Morris, Mary Shelley, Toni Morrison, Malala, as irmás Mirabal, as Trece Rosas, Virgina Woolf, Clara Campoamor, Carmen Amaya, Irene González... e tantas outras. Unha lista enorme de mulleres que deixaron a súa pegada no mundo.
Despois de recreos convertidos en ensaios e momentos compartidos de ilusión, chegou o día. O escenario agardaba en silencio. E entón, comezou a soar Hoxe, mañá e sempre de Valeria Castro e as Tanxugueiras, como un fío invisible que nos unía a todas e a todos.
Andrés, axudante de Biblioteca, abriu o acto cunhas palabras fermosas, desas que chegan dentro. E despois, unha a unha, cada rapaza, foi saíndo ao micrófono. Cada voz nomeaba unha muller, contaba quen foi, por que é importante lembrala. Cada palabra era un pequeno acto de xustiza. Cada paso, un latexo compartido. Sentaban nunha cadeira e colocaban algo morado, símbolo e afirmación do valor das mulleres. Unha tras outra, tecendo unha historia colectiva que puña a "pel de galiña".
Ao final, de novo Andrés, rematou cunha frase que falaba de liberdade, pero tamén de proximidade: das mulleres que nos rodean cada día, das compañeiras e amigas que tiña ao seu carón, das que están aquí e agora.
E entón, chegou outro dos momentos que quedaron gravados na memoria. Loaira, axudante da Biblio e amante da música, agasallounos Matriarcas de Guadi Galego. A súa voz encheu o espazo e algo se nos puxo na gorxa. A cativada, en silencio, escoitaba esa melodía que parecía acariñar lembranzas e pensamentos. O resto das persoas axudantes uníronse no retrouso, e por un intre todo foi harmonía, emoción compartida.
A xornada continuou coa visita de cinco mulleres da asociación "Mulleres Rurais do Mar e Agro" de Bueu, que trouxeron consigo outra canción, outra historia, outra forza. Cantamos xuntas e xuntos, facendo comunidade, facendo escola.
E como non podía ser doutro xeito, todo o centro implicouse. O Equipo de Medio Ambiente, coa colaboración de todo o estudantado, elaborou un fermoso mural, cheo de significado, que recolleu o espírito do día.
Foi, sen dúbida, un día moi bonito. Un día para sentir, para lembrar e para seguir camiñando.
Porque o 8 de marzo non é só unha data. É unha voz que non cala. É memoria viva. É hoxe, mañá e sempre.
Espiñeiriña.