23.2.26

ENTROIDO MARIÑO!

O venres 13 de febreiro culminamos a semana cunha gran festa pasada por auga, pero... "se chove, que chova!" Ademais nós, estabamos ben preparados porque levamos dende principios de curso mergullándonos polas fermosas augas da Ría de Aldán.


Interpretamos a canción composta para a ocasión:


Recibimos a visita colaborativa da comparsa de Carnavaladán, explicáronnos a tradición popular e continuaron a festa con nós!


Desfile a ritmo da gaiteirada realizado pola contorna do cole entre cairo e cairo! 🌨🌨🌨


Grazas á colaboración sempre inestimable das familias, puidemos realizar unha merendola cos doces típicos da época e desfrutar da troula toda a comunidade educativa.








Durante toda a semana respectamos o mandadiño mariño! Este foi creado polo alumnado de 6º de primaria e capitaneado por unha servidora, a mascota Espiñeiriña.


Pero o noso entroido non acabou aquí, despois das vacacións regresamos o xoves e o venres lucindo novos atuendos. Ademais, o venres celebramos o enterro da mexilla e do mexillón a través dunha representación moi particular. 









enterro da mexilla celébrase na nosa localidade e vai dirixido especialmente á rapazada. Festéxase o mesmo día que nós fixemos a representación na escola (venres 20 de febreiro). O enterro do mexillón será o seguinte día, sábado 21 de febreiro e dará comezo cun gran desfile ás 16:00 horas para acompañar ao defuntiño ata o muelle, onde se lle dará o derradeiro adeus ao carnaval de Aldán 2026. 

E ata aquí o noso entroido! Espero que o gozárades!

Unha agarimosa aperta,
Espiñeiriña.


4.2.26

DÍA ESCOLAR DA NON VIOLENCIA E DA PAZ: PORQUE CONVIVIR É FERMOSO!

Boas tardes mundo!

Hai días que deixan pegada, que fan sentir que a escola é máis que un edificio, é fogar, é encontro. Así foi o Día Escolar da Non Violencia e da Paz na Biblioteca da querida comunidade de Espiñeira.

Dende a Biblioteca lanzaron unha proposta que agromou con forza. O alumnado dos tres cursos de Educación Infantil e de 1º, 2º e 3º de Educación Primaria converteuse en  ollos atentos do cotián: tiñan que facer fotografías nas que se vira unha situación de conflito escolar, pequenos instantes de desacordo.

Despois, a cativada de 4º, 5º e 6º de Educación Primaria colleu esas imaxes, coma quen colle un fío delicado e teceu arredor delas dúas voces nos globos: nun describían o que estaba a acontecer e, noutro propoñían unha solución. Cómpre dicir que foi unha actividade xenial na que desfrutaron xa que se notaba nas conversas, na concentración e nas risas compartidas mentres pensaban palabras xustas e amábeis. O resultado final foi un mural cheo de imaxes e mensaxes que agora loce no corredor da escola, aberto á mirada de toda a comunidade educativa. Un mural que fala, que interpela e que aperta.

Mais a Paz tamén se contou, se representou e se soñou.

Pois, valorado o inmenso traballo do noso alumnado axudante de biblioteca, e da man do Equipo de Biblioteca, puxéronse a darlle a volta a un conto clásico. Así naceu Tres casiñas e un novo amigo, unha versión renovada e chea de intención do eterno relato dos tres porquiños. Nesta ocasión, a historia falaba de amizade e de colaboración. 

As persoas axudantes dividíronse en tres grupos. Un representou a historia con marionetas para a cativada de Educación Infantil, outro fixo o mesmo para 1º, 2º e 3º de Educación Primaria e un terceiro grupo levou a escena o conto na aula de psicomotricidade, onde elas e el foron actrices e actor diante do público de 4º, 5º e 6º.

 

Certo é que foron dúas semanas de traballo intenso e ilusionado. Traballaron a historia, as emocións e as habilidades necesarias para escenificar. Ensaiaban nos recreos, trocando tempo libre por tempo compartido entre libros e compañeiras e compañeiros que lle gustan as historias. E aínda así, a maiores, practicaban nos seus fogares.



O resultado foi emocionante, sentían orgullo polo traballo, brilláballes a voz e a mirada. E agora, coa ilusión intacta, xa preguntan: Cando volvemos facer outra? Será para o 8 de marzo? Porque cando a Biblioteca se converte en escenario e refuxio, xa ninguén quere marchar.

Unha vez máis, a comunidade de Espiñeira dá visibilidade e reivindica a forza dunha palabra pequena e inmensa ao tempo: Paz. Unha palabra que non se escribe só con letras, senón con xestos, coidados e compromiso.

Que nunca deixemos de sementala!

Espiñeiriña.


28.1.26

CLUB DE LECTURA: SOLILOQUIO DE SOÑOS

Boas tardes queridiñas e queridiños que me estades lendo!

Hai experiencias que, cando se repiten, non perden maxia, ao contrario, afóndanse cada vez máis coma as raíces. Este xa é segundo ano no que temos a sorte de formar parte do Club de Lectura "Soliloquio de soños", un espazo onde as palabras atopan acubillo e as persoas lectoras medran xuntas.

No presente curso escolar, o mes de novembro trouxo consigo unha presentación chea de ilusións: as persoas encargadas do Club de Lectura explicáronlle ao novo alumnado en que consistía o Club. Este ano abríase a porta á cativada de 4º de Educación Primaria, e, a resposta foi moi cálida xa que anotáronse moitas persoas con ganas de ler, compartir e soñar. En 5º de Educación Primaria mantívose practicamente o mesmo grupo do curso pasado e, en 6º, a maioría da rapazada quixo seguir formando parte desta aventura lectora. 

Neste sentido, durante o 1º trimestre, ademais de dar a coñecer o Club aos novos membros, púxose en marcha un concurso moi especial: a elaboración do logo de "Soliloquio de soños". Cómpre dicir que foi un proceso creativo, no que as nenas e os nenos deixaron voar a súa imaxinación. Os tres logos finalistas foron os seguintes:

  • 1º premio: Mar, de 6º de Primaria
  • 2º premio: Matilde, de 6º de Primaria
  • 3º premio: Lena, de 5º de Primaria.

Nestes momentos están traballando no deseño definitivo, dándolle os últimos retoques para que finalmente poida lucir en grande na nosa Biblioteca.

En canto ao 2º trimestre, as lecturas propostas foron Cando soa a buguina de X.H. Rivadulla Corcón para o alumnado de 4º e 5º de Primaria, e Nena e o mar de Érica Esmorís para 6º de Primaria. Comezamos lendo en galego, abrazando a nosa lingua, sabendo que as próximas lecturas tamén levarán ao castelán, porque cada idioma é un camiño distinto cara á emoción.

Hoxe pola mañá as mozas e os mozos maiores de 6º xunto con Diana e Laura, as dúas persoas encargadas do Club, viviron un deses encontros que quedan gardados na memoria. Xuntáronse para dialogar, escoitarse, compartir reflexións arredor de Nena e o mar. Mentres as palabras fluían, compartían tamén unha pequena merenda, porque comer, ao fin ao cabo, é un acto social que adereza calquera xuntanza e fai máis doce o encontro.



Entre todas e todos foron enchendo ese mar algo axitado que aparecía na actividade proposta coas palabras que ían emerxendo: emocións, pensamentos, reflexións nacidas da lectura. Un libro que, por certo, o alumnado recomenda ler, porque deixa pegada.

Finalmente, a sesión fíxoselles curta. Tan curta que, ao saír pola porta, xa preguntaban cal sería o seguinte libro e cando o poderían ler. Toda a rapazada quere repetir na próxima aventura. E nese momento confírmase o que xa se sabía: que ler xuntas e xuntos, acompaña e constrúe, que a lectura é un acto fermoso e necesario.

Porque entre páxinas, palabras e silencios compartidos, tamén se coida a saúde do corazón.

Ata outra!

Espiñeiriña.