Boas tardes lectoras e lectores!
Hoxe desfrutamos da última xuntanza de Soliloquio de Soños. Parece que aínda foi onte, pero xa pasou un curso escolar dende que iniciamos a nosa aventura no mundo dos Clubs de lectura. Neste sentido, se botamos a vista atrás dámonos conta que foi unha traxectoria moi fermosa onde os libros uniron a persoas. Para as mediadoras do Equipo de Biblioteca supuxo unha gran motivación seleccionar as lecturas, preparar as sesións, mediar os faladoiros e coñecer as opinións sobre as novelas do alumnado participante.
O peche deste ano académico foi, para 4º e 5º de Educación Primaria O corazón das casas (2024) de An Alfaya e para 6º de Educación Primaria Milú e o edificio das persoas extraordinarias (2024) de Abel Tomé. Por suposto, mentres os nosos cerebros desfrutaban debatendo sobre os libros, as nosas papilas gustativas tamén o facían cos doces! Foi todo un pracer para os cinco sentidos!
Ao finalizar a sesión, o lectorado reflexionou sobre:
- O desenvolvemento de todas as xuntanzas: segundo el foron moi acolledoras e nas que o tempo rapidamente se escorría.
- As melloras para o próximo curso como por exemplo que cada menor puidera recomendar ao resto de participantes libros que lle gustan. Ou mesmo un rapaza de 6º de E.P. propuxo ler biografías como o Diario de Ana Frank.
- Aqueles aspectos a seguir mantendo, entre os cales está seguir ofrecendo comida mentres se fala, seguir alternando novelas en castelán e galego, seguir facendo xogos relacionados coas historias, seguir descubrindo novos xéneros literarios, seguir mantendo un ambiente distendido, etc.
- A elaboración do logo do noso Club de lectura por parte delas e deles.
Cómpre engadir que para agradecer a participación e a implicación de todas elas e de todos eles, as dinamizadoras do Club de lectura agasallaráronas e agasalláronos cuns marcapáxinas!
O corazón da nosa casa, da nosa escoliña, son os libros!
Espiñeiriña.