13.5.26

CLUB DE LECTURA: SOLILOQUIO DE SOÑOS

Boas tardes mundo!

Hai encontros que non rematan cando soa o timbre, senón que continúan... Hoxe tivo lugar a última xuntanza deste curso do Club de Lectura Soliloquio de Soños, compartida co alumnado de 4º e 5º de Primaria: arredor de trece lectoras e lectores apaixonados, viaxeiros incansables por mundos imaxinarios, aventuras imposibles e emocións verdadeiras.

Como xa é costume, reuníronse despois do recreo na Biblioteca. Esta abriulle as súas portas ao diálogo, á escoita e ao compartir. Un convite sinxelo: sentar, falar e deixar que os libros sigan vivos máis alá das súas páxinas.

Nesta ocasión, as mediadoras escolleron unha lectura moi especial, procurando tecer pontes co PDI do centro, Do mar nace o azul da vida. O libro elixido foi Los niños del frío, de Sérephine Menu, recentemente publicado e lido esta vez en castelán, despois de varias experiencias lectoras en galego. 

Unha aventura entre o frío e o corazón... A historia levou ao lectorado a territorios xeados onde un grupo de nenas e nenos aprende a sobrevivir nun entorno natural extremo, descubrindo o valor da amizade, da cooperación e do respecto pola natureza. Entre nevaradas, silencios brancos e desafíos inesperados, a novela tamén fala de medrar, de atopar o propio lugar no mundo e comprender que a valentía ás veces consiste simplemente en seguir adiante.

Nada máis chegar á Biblioteca, as primeiras palabras foron claras e espontáneas: Encantounos! Porque o libro reunía dous ingredientes imprescindibles para elas e eles: natureza e aventura. A pesar de ser un libro ben nutrido de páxinas, voou das súas mans coma unha gaivota levada polo vento.

O coloquio alongouse máis do previsto. Tanto, que a actividade preparada quedou nun segundo plano. E foi marabilloso. As palabras abriron paso a sentimentos, emocións atopadas, reflexións profundas e miradas brillantes que demostraban que a lectura, cando cala fondo, transforma.


Mentres dialogaban, tamén gozaban do padal, porque ler xuntas e xuntos sempre sabe mellor cando se comparte algo doce entre risas e comentarios cómplices.

Un curso entre libros... Houbo tamén tempo para mirar atrás e facer memoria das lecturas do curso. As mediadoras preguntaron que fora o mellor e que cambiarían... e a resposta resumiu todo o espírito do Club en dúas palabras inesquecibles:

Nada. Ler máis libros.

Con esa sinxela declaración péchase o Club de Lectura deste curso escolar, deixando unha sensación doce, case nostálxica, coma o final dun bo libro que non queremos abandonar. O próximo curso traerá novos capítulos: o actual alumnado de 4º compartirá experiencias co novo grupo que chegará a 4º dende 3º, mentres que quen agora está en 5º continuará a súa travesía lectora xa en 6º, navegando con autonomía por novos mares literarios. Ademais, tentarase explorar outros xéneros que espertan curiosidade e ilusión: o cómic, unha nova porta para seguir descubrindo historias.

Un recordo en petit comité.

Como curiosidade entrañable, unha das lectoras máis ardentes do Club non só compartía opinións exquisitas sobre as lecturas... tamén a súa vestimenta falaba por ela. Recollendo as palabras escritas no seu xersei, pódese definir perfectamente esta última reunión: un encontro en "petit comité", profundamente pracenteiro.


E así, despídese Soliloquio de Soños ata o vindeiro curso: coa Biblioteca chea de ecos, coas cadeiras aínda quentes de conversacións e coa certeza de que cada lectora e lector leva agora dentro unha nova historia que continuará medrando. 

Porque ler non é só páxinas.

É atoparse.

É viaxar.

É soñar en compañía.

E aquí, na Biblioteca, sempre haberá un lugar reservado para quen queira empezar esa viaxe.


Unha aperta,

Espiñeiriña.


6.5.26

OS MAIOS: COR, TRADICIÓN E CREATIVIDADE

O noso centro encheuse de primavera coa celebración dos Maios, unha das tradicións máis fermosas da nosa contorna. Este ano tivemos a sorte de contar coa colaboración da Asociación veciñal de O Piñeiro que nos cedeu tres estruturas para que o alumnado puidese darlle vida.

As nenas e os nenos de infantil e primaria traballaron con moita ilusión para coser, decorar e transformar estas estruturas en auténticas obras de arte. Utilizaron materiais propios da nosa tradición: xestas, pampillos, cáscaras de ovos e flores variadas aportadas polas nosas familias.








Deste xeito, nesta tradición contamos coa colaboración das familias, xa que a maior parte delas os días anteriores involucran ós nenos e ás nenas na recollida de elementos naturais decorativos de maneira respectuosa pola contorna.

Os maios luciron así de espectaculares!



Para acceder ó resultado final pincha na ligazón ao vídeo: 

Ademais, acompañounos a música e a clásica canción de O Maio de Aldán.


Grazas á Asociación de veciños de O Piñeiro pola súa xenerosidade e grazas ás familias por acompañarnos sempre 💚


Un saudiño primaveral,

Espiñeiriña.

CLUB DE LECTURA: SOLILOQUIO DE SOÑOS

Bos días queridiñas lectoras e queridiños lectores!

A semana pasada tivo lugar a última xuntanza do grupo de 6º de Educación Primaria do Club de Lectura Soliloquio de Soños. Esta vez mudaron de lingua para seguir medrando como lectoras e lectores. Se o encontro anterior fora en galego, desta volta embarcáronse nunha aventura en castelán coa lectura de El barco escuela Tobermory de Alexander McCall Smith, unha historia chea de emoción, amizade e travesías que fixo navegar a imaxinación de todas e todos.

Ao redor das palabras, foron descubrindo personaxes, desfacendo misterios da trama e compartindo opinións sinceras: o que lles gustou, o que lles sorprendeu e tamén aquilo que quizais cambiarían se foran parte da historia. Porque ler é tamén conversar, escoitar, cuestionar e construír pensamento en comunidade. 



E como toda boa reunión lectora, as palabras mesturáronse cos sabores, facendo do momento un espazo cálido onde o pracer da lectura e o do padal camiñaron da man.

As mediadoras despediron ao grupo cunha mestura de orgullo e emoción. A cativada de 6º inicia agora novas rutas e o vindeiro curso xa non poderá compartir con esta escoliña estes intres de lectura compartida. Marchan, pero levan consigo algo que non pesa nas mochilas: o amor polos libros e as historias compartidas. 

Mentres tanto, Mar, participante do Club, está a dar os últimos retoques ao logo de Soliloquio de Soños, que moi pronto ocupará o seu lugar na Biblioteca, como símbolo dun espazo onde a literatura fala e o lectorado soña.

Porque cada lectura remata... pero sempre queda aberta a porta do seguinte soño.


Ata a próxima aventura!

Espiñeiriña.


4.5.26

ENTRE LIBROS E VILÁNS

Boas tardes lectoras e lectores!

Houbo un día no que as portas da nosa escola apareceron pechadas, as chaves desapareceran e un misterio comezou a latexar polos corredores. Así deu comezo a celebración da Semana do Libro no noso centro, un lugar onde a proximidade, a colaboración e o apoio mutuo converten cada idea nunha aventura compartida. 

Todo empezou dous meses atrás, nunha tarde de martes, cando o Equipo de biblioteca se reuniu coa ilusión de crear algo novo, algo diferente, algo que non repetise experiencias doutros anos. Entre libros abertos, cafés mornos e moitas ganas de sorprender ao alumnado, xurdiu unha idea aínda sen forma: probas, enigmas, retos... e unha temática clara que guiase todo o camiño: os viláns da literatura, eses personaxes fascinantes que tamén saltaron ás pantallas do cine e que, sen pretendelo, nos fan amar aínda máis as historias. 

O nome definitivo chegou case por maxia. Nunha titoría cunha familia moi comprometida co centro, amante da lectura e apaixonada polos retos, apareceu a palabra que iluminou todo: un escape room de viláns. Aquela reunión que debía durar media hora prolongouse durante dúas horas cheas de ideas, risas e emocións. Aquel foi o verdadeiro xermolo. 

A partir de aí comezaron moitas horas de traballo incansable por parte de Irene, á que pronto se uniron Marian, Noa e Marta. Xuntas idearon, organizaron, recortaron, pegaron, crearon e volveron crear. Construíron probas, soñaron escenarios e explicaron cada detalle primeiro ao Equipo de biblioteca e despois, nun martes pola tarde, a todo o Claustro, para que cada docente se convertese tamén en cómplice da aventura.

Porque esta celebración non foi só unha actividade: foi o resultado do esforzo dunha comunidade educativa enteira. Familias, profesorado, Equipo de biblioteca e alumnado colaboraron para facer realidade unha experiencia inesquecible.

E chegou o gran día.

A cativada de Espiñeira entrou na escola e algo non encaixaba: as aulas estaban pechadas. Ninguén atopaba as chaves. Mentres Infantil se reunía nunha aula baleira, 1º, 2º e 3º de Primaria acudían á Biblioteca e as nenas e os nenos de 4º a 6º dirixíase a psicomotricidade para coñecer a historia de Día do Libro. A incerteza medraba. 


De súpeto, soou a megafonía:

"Alarma na Biblioteca, alarma na Biblioteca... hai un vilán que quere roubar as letras dos libros e todas as historias..."

Alarma

A mensaxe que é máis longa, creada e gravada polo alumnado axudante da Biblioteca xunto cun mestre, fixo tremer a curiosidade de todas e todos. E entón apareceu unha vilá, capa verde ao vento, correndo polos espazos da escola entre berros e risas nerviosas... os libros estaban en perigo. 

A directora, Nuria, puxo orde e entregou o sobre coas instrucións: só resolvendo os retos poderían deter aos viláns e salvar as historias. 

Comezaba o escape room.

En Educación Infantil, a cativada dividiuse en tres grupos que rotaron por "habitacións" dominadas polo Grinch, o Grúfalo e o Gato Pelado. 



Entre xogos, enigmas e descubrimentos, buscaron os tres díxitos necesarios para abrir o baúl que gardaba o libro roubado. 






En 1º, 2º e 3º de Primaria agardaban Maléfica, a Raíña de Corazóns e a Trunchbull, vilás que puxeron a proba a súa astucia ata conseguir a combinación que abría o baúl escondido na Biblioteca. 













E para 4º, 5º e 6º de Primaria preparouse unha aventura dobre: a sala Cómic, co Duende Verde, o Joker e Xulio César, e, a sala Novela, onde reinaban a Bruxa Branca, Cronos e Voldemort. Cada pista achegábaos máis á verdade, cada reto convertíaos en heroes das historias. 





Ao rematar as probas, chegaron os momentos decisivos. Vídeos secretos, adiviñas, cancións misteriosas e coincidencias máxicas confirmaron os códigos conseguidos. Os baúis abríronse finalmente... e dentro agardaban os libros salvados. 


Canción 4º, 5º e 6º E.P.




Como lembranza da misión cumprida, viláns e vilás deixaron un agasallo moi especial para todo o alumnado de Espiñeira: un cadeado co logo do escape room, símbolo de que cada lectora e lector pode gardar baixo chave aqueles libros que forman parte da súa historia, porque a literatura é, ao fin e ao cabo, un tesouro.

Foi unha xornada chea de intriga, emoción, pequenos medos, grandes risas e moita ilusión. Durante unhas horas, Espiñeira converteuse nunha película viva na que a cativada foi a protagonista. E dende ese día, cando algo desaparece ou aparece fóra do seu sitio... sempre hai quen sospeita dalgún vilán agochado entre os corredores. 

Quedou, sen dúbida, un traballo enorme detrás. Pero sobre todo quedou algo máis importante: a certeza de que cando unha comunidade educativa camiña unida, as historias cobran vida.

Porque os libros non só se len.

Tamén se viven.

E mentres os viláns tentaban roubar historias, ao abeiro do PDI Do mar nace o azul da vida, foron tecendo entre todas e todos un tendal mariño cheo de vida, cor e palabras. Cada alumna e alumno recibiu un animal do mar, pequeno ou inmenso, real ou soñado, e nel deixou unha pegada lectora: o título do seu libro favorito, unha cita, unha reflexión, unha portada, unha ilustración nacida da imaxinación... pequenos faros literarios pendurados coma se o océano decidise contar historias.


Agora, quen camiña polo corredor non só pasa dun lugar a outro: mergúllase. Detense. Observa. Sente curiosidade. Porque cada animal invita a abrir un libro, a descubrir unha aventura nova, a deixarse levar polas ondas da lectura.

E, como xa é tradición na nosa escoliña, a solidariedade, tamén tivo o seu espazo nesta Semana do Libro. Un ano máis colaboramos coa protectora de animais do Morrazo, demostrando que ler tamén é coidar. Cambiamos libros por alimento, produtos de hixiene para aqueles seres vivos que agardan paciencia, agarimo e unha segunda oportunidade. Porque as historias ensinan empatía,  e a empatía convértese en acción cando se comparte o que temos.


Así rematou unha semana na que os libros abriron portas, salvaron historias, encheron corredores de mar e tenderon pontes cara aos demais. 

Ata outra!

Espiñeiriña.