20.3.24

Proxecto Horta Escolar ecolóxica

 Benqueridas familias!

Desde o Equipo de Medioambiente, seguindo coa idea de poñer en valor os espazos verdes do cole, quixemos darlle unha relevancia importante a nosa horta escolar e durante o presente curso, en colaboración coa Asociación Xaruma, puxemos en marcha o Proxecto "Obradoiro de horta ecolóxica" no que está a participar toda a Comunidade Educativa.

Por medio destes talleres, nos que cada curso participa nunha sesión ó mes, as crianzas teñen un espazo no que poden observar, participar, investigar e aprender da man da natureza e o seu traballo e esforzo, para chegar a producir os seus propios alimentos e outros produtos elaborados a partir das especies da horta.

Aquí vos deixamos un pequeno resumo das actividades que se levaron a cabo ó longo deste trimestre:

Xaneiro:

O alumnado de 2º e 3º ciclo axudou nas tarefas de acondicionamento do invernadoiro, aprendendo a importancia de preparar un solo fértil. Nestas sesións arrincáronse herbas e colocáronse tutores e "phisalys" na zona da horta.         


O alumnado de Infantil e 1º ciclo participou nas actividades de plantación de diferentes hortalizas (faba de inverno, leituga, acelga, col...) así como na elaboración de sementeiras.


gggg

Febreiro

 O día 17 organizouse unha xuntanza coas familias para rematar de preparar o invernadoiro eacondicionar diferentes espazos con estruturas para plantar. Outras tarefas foron: recollida de terra e recheo e abonado dos bamcais do invernadoiro.



Nas sesións deste mes o alumnado colaborou na elaboración dos carteis para as hortalizas do invernadoiro e na preparación das macetas para plantación de amorodos, recheando de terra e folla e limpando de malas herbas os canalóns que xa temos con amorodos.

Fixeron sementeira en alveolos (tomate cherry, xudía, xirasol, flores...) e nos bancais do invernadoiro (tirabeques, cenoira e xudía) e plantaron chícharos e xudía.

 

 






Marzo 

O alumnado de 6º participou nun abrodoiro de elaboración de xabóns de romeu e lavanda e tamén podaron as plantas de romeu para facer no vindeiro trimestre saquiños de aromáticas.

Os nenos e nenas de 3º, 4º e 5º de Primaria axudaron na plantación de árbores doadas pola Deputación de Pontevedra.


 

1º e 2º curso fixo transplante de cogombro, tomate, espinafre e xudía no invernadoiro.


Os mais pequerrechos axudaron na elaboración de sementeira de cabaza e cabaciño.

11.3.24

A EDUCACIÓN É A NOSA FERRAMENTA PARA A IGUALDADE!

Bos días bonitiñas e bonitiños!

Que reivindicamos hoxe? A igualdade radica nun so día? Existe igualdade entre mulleres e homes? A sociedade aínda ten que seguir construíndo ese camiño da igualdade? 

Preguntas coma estas propuxémolas na escola para reflexionar sobre o camiño percorrido polas mulleres para ver recoñecidos os seus dereitos e facer visíbel a súa contribución en todas as facetas da vida. 

Neste sentido, cada 8M en Espiñeira cremos fundamental lembrar a incansable loita que se foi conquistando lentamente para reivindicar os dereitos das mulleres en todos os escenarios da sociedade.

Por iso, vouvos ensinar as diferentes actividades que se levaron a cabo para conmemorar este fermoso día:

- En Educación Infantil: o alumnado de 5º E.I. plasmaron nun debuxo a súa guerreira favorita con pintura de xiz lila. Ademais, este xunto cos de 6º de E.I. deseñaron un cartel que se presentou para o VII Concurso de carteis do Día Internacional da Muller proposto pola Xunta de Galicia.


- En 1º e 2º de Educación Primaria: as titoras leron o conto Niñas y niños feministas de Blanca Lacasa e despois de reflexionar todas xuntas e todos xuntos, o alumnado escribiu cun xiz palabras que transmitiran igualdade.


A maiores, a cativada de 1º de Educación Primaria, retratouse seguindo a simetría dunha imaxe da súa cara. Esta proposta levaba como lema Ti vesme como na dereita, eu véxome como na esqueda, non esquezas! Sé ti mesma/mesmo!


- En 3º e 4º de Educación Primaria: traballaron sobre as mulleres que escolleron as nenas e os nenos.

- En 5º e 6º de Educación Primaria: dunha banda, a rapazada de 5º de Educación Primaria está traballando o rol das mulleres no cine, facendo fincapé nas desigualdades. Doutra banda, a de 6º de Educación Primaria fixo unha exposición e un podcast sobre as mulleres no cine mudo.

Finalmente, dentro do PDI do centro, traballamos mulleres cineastas que están expostas no corredor da escola.   

Propostas coma estas abren un fío de esperanza para que se faga xustiza e se constrúa un camiño de plena igualdade entre mulleres e homes.

As mulleres viviron todos estes séculos como esposas, co poder máxico e delicioso de reflectir a figura do home, o dobre do seu tamaño natural (Woolf, Virgina).

Ata outra navegantes,

Espiñeiriña.



9.2.24

"VAN OS GHATOS DA ESPIÑEIRA CANTANDO"

O pasado 9 de febreiro, a pesar das condicións climatolóxicas, o Entroido chegou a Espiñeira. Este ano, relacionándoo co noso proxecto anual LUCES, CÁMARA, ACCIÓN... E DIVERSIÓN, decidimos ir disfrazados de "ghatiños" como no Musical Cats.

 


En 1º e 2º de E.P. realizaron un traballo de investigación sobre o "Musical Cats": de que trata, por quen está dirixido, cales son os personaxes...

Tamén realizaron un OBRADOIRO no que maquillaron de ghatiñ@s o alumnado.


En 5º e 6º de E.P. puideron observar como era o Entroido en Aldán nos tempos dos avós e das avoas.


E realizaron un OBRADOIRO DE PERCUSIÓN dirixido pola comparsa Carnavaldán.

Na escola, festexámolo degustando doces típicos do Entroido: filloas, orellas, flores, roscas... e moitísimas delicias máis feitas polo alumnado e familias. 
 

  

  
E como non podía faltar, o alumnado  inventou a letra da nosa canción de Entroido "Os ghatiños de Espiñeira", baseándose na melodía da canción "O Ghato Paco" de Uxía Lambona e a Banda Molona. E como ben sendo habitual,  cantamos a canción acompañadas, como sempre, das familas e, nesta ocasión, da charanga de Aldán "Cheghar e encher".
 
 
Ademais... bailes, música e diversión para toda a Comunidade Educativa formaron parte desta xornada de Entroido.
 
ATA A PRÓXIMA VIAXEIR@S


8.2.24

SEMENTEMOS HARMONÍA!

Bos días mundo!

Preguntarédevos que fago por aquí de novo... pois está vez para falar da Paz, esa palabra da que tanto se fala, tanto se emprega,... pero non sempre se cumpre. 

A paz non é simplemente a ausencia da guerra, é un proceso social complexo e un concepto construído historicamente. Por iso, non consiste en defender ao máis débil, ni ao bando gañador, nin á parte que nos interese, senón defender o mundo. Neste sentido, a Paz esixe crear non soamente as condicións propicias para que esta aniñe, senón que se manteña.

Unha vez dito isto, en Espiñeira leváronse a cabo unha serie de actividades encamiñadas a sementar valores de tolerancia, respecto, empatía, e unha infinidade de palabras bonitas que viven nos corazóns de toda a comunidade educativa desta escoliña. 

Pois... a cativada de Educación Infantil falou sobre a fermosa palabra da Paz, expresouno a través da arte; a de 1º e 2º de Educación Primaria tiveron unha mañá de debate reflexionando coas tarxetas que elaboraron as titoras de Wonder Ponder; e a de 3º a 6º de Educación Primaria traballaron na elaboración do manifesto que posteriormente se leu na xuntanza no Arco da Vella. Neste último, rematamos cantando a canción Convive con Cautela signando en lingua de signos o retrouso coa axuda do colectivo de Juan XXIII e facendo unha cadea humana posto que a unión fai a forza. Cómpre engadir que o día finalizou coa proxección dun vídeo na biblioteca na que traballaron a rapazada do centro xunto con Juan XXIII.

Como ben dixeron no seu día Cayo Tito, as palabras lévaas o vento e Henrik Ibsen, as accións valen máis que as palabras, pois a continuación podedes ver o nomeado anteriormente: 

- En Educación Infantil:

     

     



- En 1º e 2º de Educación Primaria:





- Toda a escola:




Ata outra! Non esquezades sementar harmonía!
Espiñeiriña