Boas tardes lectorado!
Hai lugares que gardan historias entre as súas paredes. Lugares onde o tempo semella correr doutro xeito e onde cada recreo pode converterse nunha pequena aventura. Este curso, a nosa Biblioteca volveu ser un deses espazos máxicos.
Cada martes e cada xoves, cando soaba o timbre do recreo, a Biblioteca abría as súas portas para recibir a quen quixese entrar. E foron moitos os que decidiron facer deste recuncho un lugar para descubrir, pensar, xogar, crear e compartir.
Os martes enchéronse de palabras. Sobre as mesas agardaban pasatempos en galego: sopa de letras, encrucillados, enigmas, debuxos, retos lingüísticos e propostas que convidaban a xogar coa nosa lingua. Entre letras escondidas e palabras por descubrir, o alumnado exercitaba a mente mentres gozaba dun tempo de lecer diferente.
Os xoves, pola súa banda, convertéronse nun auténtico laboratorio de pensamento e estratexia. Os pasatempos matemáticos compartían momentos con xogos como o catro en raia, o xadrez, o xadrez de memoria, o Rummi Classic, os xogos de construción, o parchís e moitas propostas que enchían a Biblioteca de concentración, emoción e risas compartidas.
E, por suposto, tamén había quen prefería deixarse levar polo silencioso rumor das páxinas. Nenas e nenos que atopaban na lectura libre un refuxio tranquilo onde viaxar sen saír do seu asento.
O éxito de iniciativa foi notable. A cativada de 2º, 3º e 4º de Primaria foi a máis fiel destes recreos, facendo da Biblioteca un espazo vivo e cheo de actividade.
Pero detrás de cada mesa preparada, de cada libro colocado no seu lugar e de cada actividade organizada había un equipo moi especial. Os recreos estiveron dinamizados por un persoa do Equipo de Biblioteca e polas nosas persoas axudantes de Biblio, que se foron relevando entre os martes e os xoves para desempeñar as tarefas.
Porque unha Biblioteca non é soamente un lugar onde viven os libros. É un porto onde atracan ideas, un faro que ilumina curiosidades, un obradoiro de soños e aprendizaxes compartidas. E durante estes recreos, unha vez máis, quedou demostrado que cada páxina, cada xogo, cada conversa e cada pequeno xesto axudan a construír unha comunidade lectora máis viva, participativa e feliz.
Grazas a todas as persoas que fixestes posible esta fermosa travesía.
O próxima curso agárdannos novas historias por escribir.
Espiñeiriña.