30.10.23

DÍA DAS BIBLIOTECAS, DÍA DA LUZ

Boas tardes fermoso público lector!

O pasado venres 27 de outubro celebramos na nosa escoliña o Día das Bibliotecas, que fermosa celebración!
Neste sentido, relacionado con este día, o escritor Gonzalo Moure define a Biblioteca como un espazo para desexar ir buscar lectura, pero tamén amizade, soños compartidos. Mesmo amor. Un lugar no que namorarse mirando uns ollos por encima dun libro. Porque á fin e ao cabo, a biblioteca é o lugar no que se descobre ao outro, de papel ou de carne. Porque foron os libros os que marcaron o ritmo dos cambios do ser humano. Porque o libro é o laboratorio do home, o lugar no que se experimenta con emocións, descubrimentos, utopías, apostas. Somos o que somos porque pensamos e escribimos sobre como ser e sobre como non ser. E seremos o que pensemos, o que pensen e escriban as próximas xeracións.

Nós, na nosa Biblioteca de Espiñeira convidamos ao alumnado, a través de diferentes propostas, a ler, a escribir, é dicir que facemos deste lugar un sementeiro de historias do que pode ser o noso futuro.
Ademais, todo o equipo docente da escola ten como obxectivo que toda a cativada sexa feliz rozando a man dunha bibliotecaria ou dun bibliotecario que a orienta e a acompaña no labirinto cheo de libros.

Pero, sabedes que organizou o Equipo de Biblioteca para festexar este efeméride? Pois, prepararon 8 probas relacionadas co Proxecto Anual do Centro que é: Luces, Cámara, Acción e Diversión. Este está relacionado co Cine, por iso, a xincana estaba dividida en 8 Tomas:









Cando cada equipo conseguía resolver cada Toma, recibía unha peza do quebracabezas que tiña que montar ao final, dando lugar ao Logo e Lema do PDI.


A continuación ides ver unha selección de fotos dalgunhas das propostas...





       




Despois, cada ciclo foi ver unha presentación de Genially onde se lles daba a benvida á Biblioteca un ano máis, lembrando como se facía o préstamo dos libros, as normas,... e, por suposto, a entrega das Mochilas Viaxeiras...



Finalmente, dende a área de plástica fíxerónse uns fermosos marcapáxinas e un mural que loce no corredor da nosa biblioteca:




Xa chegou o momento de despedirme de todas e todos vós... Lembrade que, como mencionaba Gonzalo Moure, dicir o Día das Bibliotecas é o mesmo que dicir Día da Luz.


Unha aperta,
Espiñeiriña. 
 

27.10.23

XORNADA DE MOBILIZACIÓN POLO CLIMA

O pasado 29 de setembro, igual que fixemos en cursos anteriores e coincidindo coa "XORNADA DE ACCIÓN GLOBAL POLO CLIMA", levamos a cabo unha nova MOBILIZACIÓN.

Todo o alumnado participou desta xornada, facendo diversas actividades:

-  Viñemos vestidos de cor verde, simbolizando o noso compromiso coa natureza.  

-  Animouse ás familias para que os nenos e nenas trouxeran escrito un compromiso con diversas accións a levar a cabo e que supuxeran un cambio nas súas rutinas en favor do planeta.
- Trouxemos merendas saudables e libres de envases, para tomar conciencia da importancia de reducir os materiais de refugallo.
- Cada aula plasmou o seu compromiso polo clima nunha cartolina e, acompañado dos compromisos de cada un de nós e das nosas familias, subímolos á carballeira e pendurámolos das árbores colocados nunha randeeira. 
Algúns representantes de cada aula leron en voz alta os seus compromisos.  
 
O alumnado de E.I. fixo papel de refugallo con periódicos, para realizar a súa pancarta con diversos materiais, e plantaron camelios na súa maceta.
Aquí podedes ver un resumo dalgunhas das actividades realizadas:
- Para rematar a xornada cantamos todos xuntos a canción "O planeta hei de coidar", inventada polo noso alumnado  coa melodía da canción "A Maruxiña", de Malvela.  
Se queres escoitala, preme no seguinte enlace: 





17.10.23

16 DE OUTUBRO, DÍA DAS ESCRITORAS

Ola queridiño público! Aquí estou de novo!

Onte, 16 de outubro de 2023, estivemos de celebración, posto que foi o Día das Escritoras. Nun día como ese, temos que facer que as voces dese colectivo, ben sexa, en galego, castelán, catalán, portugués, éuscaro, etc., cheguen dun lado ao outro do Atlántico. Palabras como estas son evocadas por Marta Sanz, comisaria da VIII Edición do Día das Escritoras.

Pois ben, nós, en Espiñeira valoramos moito as Escritoras, sobre todo as galegas e por iso, cada clase recibiu a miña carta cunha proposta, sabedes cal foi? A actividade consistía en desempaquetar o libro escrito por unha muller, lelo e falar sobre a autora, a historia, sobre outras autoras coñecidas, sobre a aventura de escribir un libro, entre outras cousas máis.




Pasade un bo día, sentadas e sentados no sofá vendo chover e deixándovos acompañar por as personaxes dese fermoso libro... esta é a fórmula perfecta da felicidade.

Unha aperta agarimosa,

Espiñeiriña.