19.5.23

TI MÁIS EU FORMAMOS O MUNDO!

Ola Mundo!

Inclusión, semellanzas, respecto, culturas, diferenzas, igualdade,... porque estas palabras? Pois ben, estes termos compoñen a árbore da vida que leva como nome a interculturalidade.

Neste sentido, este termo refírese á confluencia entre dúas ou máis culturas que conviven e relaciónanse entre si, a pesar das diferenzas culturais. Todas as culturas participantes do intercambio inflúense entre elas, beneficiándose unhas das outras.

Porén, é certo que na práctica, as veces, obsérvase que se dan xerarquías entre as diversas realidades culturais, que existen barreiras culturais e desigualdades sociais. Polo que, cómpre apelar ao diálogo, ao respecto e ao achegamento sen prexuízos

Isto é un tarefa na que está traballando a sociedade na que vivimos, e, por suposto, a nosa escola, na que as diferenzas conforman a realidade do día a día.

Tendo en conta o dito, en Espiñeira temos claro que non soamente fan escola a comunidade educativa e as familias, senón que tamén a sociedade, a nosa contorna máis próxima, como é neste caso o Concello de Cangas. Este ano celebráronse as XVI Xornadas Interculturais cuns obradoiros destinados a Educación Primaria. A continuación vou nomear as tres actividades levadas a cabo:

- Contos do mundo. As viaxes de Irene (ONG Solidariedade Internacional de Galicia): para o alumnado de 4º de Educación Primaria.

- Ximkana Multicultural (Solidariedade Internacional de Galicia): para o alumnado de 5º de Educación Primaria.

- A Gran Festa (ONG Ecos do Sur): para o alumnado de 6º de Educación Primaria.

Ademais, a cativada de Educación Infantil, 2º e 3º tamén tiveron a gran sorte de desfrutar dunha sesión de contacontos con Anxo Moure.









En definitiva, non esquezades nunca de pensar na outra persoa, de recoñecela e actuar en sintonía coas súas características culturais. Esta é a chave de felicidade! Prométovolo!

Unha apertiña agarimosa,

Espiñeiriña.


9.5.23

AÍ VEN O MAIO DE FLORES CUBERTO...

 Bos e felices días mundo!

Queridiños Maios, queridiña tradición, queridiña Galiza... 

O mes de maio asómase tras un clima frío, os paxariños quéntanse o sol e anúnciannos co seu cantar que chega unha nova estación... 

A alegría enche os nosos corazóns e todas e todos unidas e unidos celebramos a primavera.

Nós, en Espiñeira, reunímonos no patio do colexio para facer diversos OBRADOIROS DE ADORNOS FLORAIS e decorar así a nosa escola...


Para iso, formamos 7 grupos mixtos, compostos por nenas e nenos das diferentes idades:





Tamén aproveitamos para facer colares, pulseiras, coroas... entre outros complementos. Para iso, empregamos principalmente xestas, pampillos e outras flores, fiuncho e TANZA ECOLÓXICA feita coa planta da rafia.








E como non podía faltar na Espiñeira e continuar así, como cada ano, coa nosa tradición, tamén vestímonos de MAIOS HUMANOS: 



E, por suposto, para finalizar, cantamos a nosa cantiga dos Maios:




Un saúdo e ata a próxima, viaxeir@s!!!