Boas tardes lectoras e lectores!
Houbo un día no que as portas da nosa escola apareceron pechadas, as chaves desapareceran e un misterio comezou a latexar polos corredores. Así deu comezo a celebración da Semana do Libro no noso centro, un lugar onde a proximidade, a colaboración e o apoio mutuo converten cada idea nunha aventura compartida.
Todo empezou dous meses atrás, nunha tarde de martes, cando o Equipo de biblioteca se reuniu coa ilusión de crear algo novo, algo diferente, algo que non repetise experiencias doutros anos. Entre libros abertos, cafés mornos e moitas ganas de sorprender ao alumnado, xurdiu unha idea aínda sen forma: probas, enigmas, retos... e unha temática clara que guiase todo o camiño: os viláns da literatura, eses personaxes fascinantes que tamén saltaron ás pantallas do cine e que, sen pretendelo, nos fan amar aínda máis as historias.
O nome definitivo chegou case por maxia. Nunha titoría cunha familia moi comprometida co centro, amante da lectura e apaixonada polos retos, apareceu a palabra que iluminou todo: un escape room de viláns. Aquela reunión que debía durar media hora prolongouse durante dúas horas cheas de ideas, risas e emociones. Aquel foi o verdadeiro xermolo.
A partir de aí comezaron moitas horas de traballo incansable por parte de Irene, á que pronto se uniron Marian, Noa e Marta. Xuntas idearon, organizaron, recortaron, pegaron, crearon e volveron crear. Construíron probas, soñaron escenarios e explicaron cada detalle primeiro ao Equipo de biblioteca e despois, nun martes pola tarde, a todo o Claustro, para que cada docente se convertese tamén en cómplice da aventura.
Porque esta celebración non foi só unha actividade: foi o resultado do esforzo dunha comunidade educativa enteira. Familias, profesorado, Equipo de biblioteca e alumnado colaboraron para facer realidade unha experiencia inesquecible.
E chegou o gran día.
A cativada de Espiñeira entrou na escola e algo non encaixaba: as aulas estaban pechadas. Ninguén atopaba as chaves. Mentres Infantil se reunía nunha aula baleira, 1º, 2º e 3º de Primaria acudían á Biblioteca e as nenas e os nenos de 4º a 6º dirixíase a psicomotricidade para coñecer a historia de Día do Libro. A incerteza medraba.
"Alarma na Biblioteca, alarma na Biblioteca... hai un vilán que quere roubar as letras dos libros e todas as historias..."
A mensaxe que é máis longa, creada e gravada polo alumnado axudante da Biblioteca xunto cun mestre, fixo tremer a curiosidade de todas e todos. E entón apareceu unha vilá, capa verde ao vento, correndo polos espazos da escola entre berros e risas nerviosas... os libros estaban en perigo.
A directora, Nuria, puxo orde e entregou o sobre coas instrucións: só resolvendo os retos poderían deter aos viláns e salvar as historias.
Comezaba o escape room.
En Educación Infantil, a cativada dividiuse en tres grupos que rotaron por "habitacións" dominadas polo Grinch, o Grúfalo e o Gato Pelado.
Entre xogos, enigmas e descubrimentos, buscaron os tres díxitos necesarios para abrir o baúl que gardaba o libro roubado.
En 1º, 2º e 3º de Primaria agardaban Maléfica, a Raíña de Corazóns e a Trunchbull, vilás que puxeron a proba a súa astucia ata conseguir a combinación que abría o baúl escondido na Biblioteca.
E para 4º, 5º e 6º de Primaria preparouse unha aventura dobre: a sala Cómic, co Duende Verde, o Joker e Xulio César, e, a sala Novela, onde reinaban a Bruxa Branca, Cronos e Voldemort. Cada pista achegábaos máis á verdade, cada reto convertíaos en heroes das historias.
Ao rematar as probas, chegaron os momentos decisivos. Vídeos secretos, adiviñas, cancións misteriosas e coincidencias máxicas confirmaron os códigos conseguidos. Os baúis abríronse finalmente... e dentro agardaban os libros salvados.
Canción 4º, 5º e 6º E.P.
Como lembranza da misión cumprida, viláns e vilás deixaron un agasallo moi especial para todo o alumnado de Espiñeira: un cadeado co logo do escape room, símbolo de que cada lectora e lector pode gardar baixo chave aqueles libros que forman parte da súa historia, porque a literatura é, ao fin e ao cabo, un tesouro.
Foi unha xornada chea de intriga, emoción, pequenos medos, grandes risas e moita ilusión. Durante unha horas, Espiñeira converteuse nunha película viva na que a cativada foi a protagonista. E dende ese día, cando algo desaparece ou aparece fóra do seu sitio... sempre hai quen sospeita dalgún vilán agochado entre os corredores.
Quedou, sen dúbida, un traballo enorme detrás. Pero sobre todo quedou algo máis importante: a certeza de que cando unha comunidade educativa camiña unida, as historias cobran vida.
Porque os libros non só se len.
Tamén se viven.
E mentres os viláns tentaban roubar historias, ao abeiro do PDI Do mar nace o azul da vida, foron tecendo entre todas e todos un tendal mariño cheo de vida, cor e palabras. Cada alumna e alumno recibiu un animal do mar, pequeno ou inmenso, real ou soñado, e nel deixou unha pegada lectora: o título do seu libro favorito, unha cita, unha reflexión, unha portada, unha ilustración nacida da imaxinación... pequenos faros literarios pendurados coma se o océano decidise contar historias.
Agora, quen camiña polo corredor non só pasa dun lugar a outro: mergúllase. Dentense. Observa. Sente curiosidade. Porque cada animal invita a abrir un libro, a descubrir unha aventura nova, a deixarse levar polas ondas da lectura.
E, como xa é tradición na nosa escoliña, a solidariedade, tamén tivo o seu espazo nesta Semana do Libro. Un ano máis colaboramos coa protectora de animais do Morrazo, demostrando que ler tamén é coidar. Cambiamos libros por alimento, produtos de hixiene para aqueles seres vivos que agardan paciencia, agarimo e unha segunda oportunidade. Porque as historias ensinan empatía, e a empatía convértese en acción cando se comparte o que temos.
Así rematou unha semana na que os libros abriron portas, salvaron historias, encheron corredores de mar e tenderon pontes cara aos demais.
Ata outra!
Espiñeiriña.