3.6.26

RECREOS QUE ABREN PORTAS

Boas tardes lectorado!

Hai lugares que gardan historias entre as súas paredes. Lugares onde o tempo semella correr doutro xeito e onde cada recreo pode converterse nunha pequena aventura. Este curso, a nosa Biblioteca volveu ser un deses espazos máxicos. 

Cada martes e cada xoves, cando soaba o timbre do recreo, a Biblioteca abría as súas portas para recibir a quen quixese entrar. E foron moitos os que decidiron facer deste recuncho un lugar para descubrir, pensar, xogar, crear e compartir.

Os martes enchéronse de palabras. Sobre as mesas agardaban pasatempos en galego: sopa de letras, encrucillados, enigmas, debuxos, retos lingüísticos e propostas que convidaban a xogar coa nosa lingua. Entre letras escondidas e palabras por descubrir, o alumnado exercitaba a mente mentres gozaba dun tempo de lecer diferente. 

Os xoves, pola súa banda, convertéronse nun auténtico laboratorio de pensamento e estratexia. Os pasatempos matemáticos compartían momentos con xogos como o catro en raia, o xadrez, o xadrez de memoria, o Rummi Classic, os xogos de construción, o parchís e moitas propostas que enchían a Biblioteca de concentración, emoción e risas compartidas.







E, por suposto, tamén había quen prefería deixarse levar polo silencioso rumor das páxinas. Nenas e nenos que atopaban na lectura libre un refuxio tranquilo onde viaxar sen saír do seu asento.



O éxito de iniciativa foi notable. A cativada de 2º, 3º e 4º de Primaria foi a máis fiel destes recreos, facendo da Biblioteca un espazo vivo e cheo de actividade.

Pero detrás de cada mesa preparada, de cada libro colocado no seu lugar e de cada actividade organizada había un equipo moi especial. Os recreos estiveron dinamizados por un persoa do Equipo de Biblioteca e polas nosas persoas axudantes de Biblio, que se foron relevando entre os martes e os xoves para desempeñar as tarefas.


Foron elas e eles quen ordenaron os libros, repararon exemplares do Hospital de libros, recolleron suxestións, propuxeron actividades, explicáronlle ao actual alumnado de 3º en primeira persoa que significa formar parte deste grupo, compartiron as súas experiencias, en poucas palabras, contáronlle as tarefas que realizaban e transmitíronlle a ilusión de contribuír no funcionamento dun dos espazos máis especiais da escola.


Porque unha Biblioteca non é soamente un lugar onde viven os libros. É un porto onde atracan ideas, un faro que ilumina curiosidades, un obradoiro de soños e aprendizaxes compartidas. E durante estes recreos, unha vez máis, quedou demostrado que cada páxina, cada xogo, cada conversa e cada pequeno xesto axudan a construír unha comunidade lectora máis viva, participativa e feliz.


Grazas a todas as persoas que fixestes posible esta fermosa travesía.

O próxima curso agárdannos novas historias por escribir.

Espiñeiriña.


No hay comentarios:

Publicar un comentario