23.3.23

DÍA INTERNACIONAL DOS BOSQUES E DA POESÍA

Ola fermoso público lector,

Hoxe traio novas, esta vez para falar da celebración do 21 de marzo de 2023, que foi o Día Internacional dos Bosques e da Poesía.

Deste xeito, como ben sabedes temos a gran sorte de que esta escola conta con moitísimos espazos verdes e, por suposto, estamos moi comprometidas e comprometidos co coidado da natureza. Neste sentido, é interesante contarvos que este ano as Nacións Unidas considerou como tema para este día "A Restauración Forestal: un camiño á recuperación e ao benestar". Estas palabras condúcenos a reflexionar sobre a degradación que cada ano afrontan os nosos montes, polo que a restauración é unha vía para recuperar e manter os bens e servizos que provén deles. 

Pero, aínda que se estableceu un día para a súa celebración, sabemos que todos os días hai que velar polo seu coidado xa que soamente recibimos beneficios deles.

En resumidas contas, dende Espiñeira coa colaboración de Verdegaia e a doazón do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Lourizán e das familias plantamos en diferentes zonas da nosa escola loureiros, madroños, sabugueiro, vidueiro e liquidambar.










Porén, non podiamos esquecer a importancia das mensaxes que nos transmiten os versos, a poesía, esa ladaíña de palabras bonitas que se encandean para formar unha mensaxe... Por iso, aproveitando que o alumnado de 2º de Educación Primaria participou no I Certame de Poesía Respira! de Santiago de Compostela, leu os seus poemas na biblioteca a un fermoso público, ás nenas e nenos e profesorado de Educación Infantil e 1º de Educación Primaria. Cómpre engadir, que as poesías tiñan como tema común o Cambio de clima. 

Unha aperta reconfortante,

Espiñeiriña.



20.3.23

20 DE MARZO: DÍA INTERNACIONAL DA NARRACIÓN ORAL

Boas tardes queridiño público lector!

Hoxe é luns 20 de marzo de 2023, non é calquera día... é o Día Internacional da Narración Oral. Para iso, dende esta escoliña convidámosvos a viaxar a través dos contos, das lendas, das imaxes, das experiencias vividas, das anécdotas, etc.

Deste xeito, cando se fala da narración oral normalmente nas nosas cabezas aparecen imaxes de persoas adultas contando contos, de avoas e avós explicando aventuras que viviron e moitas escenas máis. Pero todo isto sucede en diferentes lugares, como por exemplo, ao carón da lareira, na cama con luz tenue, debaixo dunhas árbores nunha carballeira, etc.

Neste mundo, todo o que percibimos polos sentidos forma parte desa maleta cargada de anécdotas, contos,  lembranzas, etc., que transportamos de xeración en xeración e de séculos en séculos. Por iso, case sen darnos conta transmitimos as nosas raíces para debuxar a paisaxe onde vivían as nosas queridiñas persoas maiores.

Unha vez dito isto, como o noso proxecto anual é "Polos camiños da tradición" que mellor ocasión que conmemorar este día voando polas vidas de, neste caso, dúas avoas do alumnado do noso centro, concretamente de Amaro, Mariña e Oliva e de Lena e Rubén.








Que fermoso é descubrir que houbo outras vidas moi diferentes ás nosas...

Unha apertiña xigante,

Espiñeiriña.



17.3.23

MULLERES

Boas tardes feitiñas e feitiños!

Esta tarde pásome por aquí para dedicarlle unhas bonitas palabras ao alumnado de 1º e 2º de Educación Primaria polo seu fermoso traballo, unha xoia de libro onde falan das Mulleres, esas persoas esenciais e imprescindibles no noso día a día.

Pois ben, este traballo foi proposto polas mestras das respectivas clases para profundar na conmemoración do 8 de Marzo, o Día da Muller. Neste sentido, cómpre dicir que para obter este resultado o camiño non foi curto nin sinxelo, para iso vou poñer todos os pasiños que tiveron que dar ata chegar á meta:

- Coloquio sobre que é o 8M.

- Reflexión sobre que é unha Muller, que é ser Muller.

- Reflexión individual na que as nenas tiñan que pensar en como son e os nenos pensaban nunha muller da súa vida e como é.

- Posta en común das diferentes mensaxes.

- Recollida por cada menor das ideas.

- Elaboración da portada do libro (colaboración coa materia de Educación Plástica e o seu mestre Alejo).

- Captura de fotografías de cada rapaza e rapaz.

- Maquetación do traballo (feita polas mestras).

- Impresión.


E... hoxe, 17 de marzo cando a cativada chegou á clase atopouse cun agasallo, era o seu libro! O libro das Mulleres

Finalmente, xuntas e xuntos gozaron e disfrutaron dunha lectura conxunta! Nese momento soamente se vían caras de felicidade e satisfacción, un momento moi fermoso e especial... Que marabilloso é falar dos sentimentos, das emocións...

Queridiño público lector, se vós tamén queredes velo, non dubidedes e vinde á nosa biblioteca que alí estará para quen queira.


Unha aperta agarimosa,

Espiñeiriña.


13.3.23

MULLERES SOMOS, MULLERES SEREMOS E EN ESPIÑEIRA SEMPRE O FESTEXAREMOS!

BOAS NAVEGANTES!!

Debido a importancia que dende o noso colexio lle damos o "Día da Muller" para conmemorar a súa loita pola igualdade de oportunidades no mundo, as actividades que programamos nesta ocasión, inclúen as seguintes iniciativas... Queredes saber cales son?

1- Toda a cativada elaborou un ROTEIRO POLA IGUALDADE ao estilo da OCA:

2- Ademais, aproveitando as fermosas obras de arte sobre Rosalía de Castro que fixo o alumnado en Educación Plástica elaborouse un OBRADOIRO DE CHAPAS:

 

3- Así mesmo, na nosa biblioteca temos a EXPOSICIÓN "MULLERES NA SOMBRA" 

Nesta ocasión, recreamos unha casa de época onde se agochan textos de coñecidas escritoras en lugares tan cotiás como un tendal, un caldeiro, nas zapatillas ou ata debaixo do colchón...

A intención é chamar a atención sobre unha realidade á que tiveron que enfrentarse durante moitos séculos as escritoras: non podían publicar os seus textos e tiñan que usar un pseudónimo ou nome dos seus maridos para que se editasen as súas obras. 

A exposición foi elaborada polo alumnado de 5º e 6º de Educación Primaria. 





   




Para rematar e amosar a diferenza coa actualidade, nesta exposición atópase tamén un espazo adicado a nosa apreciada escritora, Marisa Núñez, a cal tivemos o pracer de recibir na nosa escola.




Por certo, lembrade que a exposición quedará aberta a toda a Comunidade Educativa nos vindeiros días.

 Animádevos a vir! 



4. Finalmente, e xa como tradición en todas as conmemoracións deste colexio, nesta ocasión traballamos a canción Lisístrata (Varre vasoira) de Fillas de Cassandra.

Este foi o resultado final:






5. E... como non podía faltar, o Equipo de Biblioteca fixo unha selección de libros para a libre escolla no tempo de lecer ou para traballar na aula.


Aquí, en Espiñeira, temos moitas mulleres, querémolas e defendémolas hoxe e sempre!

Ata outra!