8.6.26

DÍA DOS OCÉANOS: UN MAR DE SORRISOS!

O pasado venres celebramos o Día Mundial do Medio Ambiente e o Día Internacional dos Océanos, conmemoracións estreitamente ligadas co noso Proxecto Documental Integrado Do mar nace o azul da vida.

Foi unha xornada máxica onde o alumnado, as familias e profesorado uníronse para dar peche a este gran proxecto dunha maneira especial.

- Queredes saber e contemplar todo o que fixemos? Preparádevos porque non faltou a creatividade, as experiencias, a música nin a literatura!

ALFOMBRAS NATURAIS: A NOSA ARTE MARIÑEIRA

Comezamos o día sacando o noso lado máis artístico. Cun pouco de imaxinación e moitos elementos da natureza (follas, area, cunchas, pedras...), o alumnado creou unhas alfombras espectaculares inspiradas na contorna mariña, poñendo como protagonistas ao noso cabaliño de mar, é dicir, a min mesma, a vosa mascota Espiñeiriña, e a personaxes literarias como Bernardino Graña (Poeta do Mar cangués) e Rosalía de Castro.









MÚSICA E TRADICIÓN NA CARBALLEIRA

Sumerxímonos na tradición popular galega cantando as cancións do Cancioneiro mariño. Familias, alumnado e mestras/es interpretamos os seguintes temas: A cana verde, Ghavota ghavota, Na beira do mar, A Rianxeira, Catro Vellos Mariñeiros, Polo mar abaixo (Os de Marín) e O Rodaballo. Velaquí algúns dos momentazos:




APADRIÑAMENTO LECTOR: HISTORIAS QUE UNEN

Vivimos un momento precioso de convivencia grazas á literatura. Deste xeito, organizamos agrupamentos de 3 alumnos e alumnas onde os maiores narrábanlle as historias que se atopaban nos diferentes fondos literarios seleccionados para a ocasión nun ambiente envidiable como é o da nosa carballeira.

EXPOSICIÓN "DO MAR NACE O AZUL DA VIDA": MATERIAIS CREADOS, ACTIVIDADES E AUDIOVISUAIS.

As familias puideron desfrutar dunha exposición sobre o PDI e observaron os distintos materiais e actividades realizadas ao longo do curso, a mostra fotográfica e un video resumo das experiencias vividas. 












Ademais, tiveron a oportunidade de poñer en práctica os seus coñecementos sobre flotación guiados polos máis pequerrechos do cole.




Por último, quería engadir que hoxe día 8 de xuño, o propio Día dos Océanos, o alumnado de infantil puido gozar dunha sesión de contacontos sobre o libro "La vida que se da" de Claudia Prado González, narrado e interpretado pola autora e a súa filla! Moi agradecidos pola vosa visita! 😍 Ademais, houbo un obradoiro posterior onde o alumnado puido recrear á protagonista da historia, un sapococho 🐢





Grazas a todas e todos por esta incrible celebracióin!

Ata a próxima aventura navegantes!
Espiñeiriña

3.6.26

RECREOS QUE ABREN PORTAS

Boas tardes lectorado!

Hai lugares que gardan historias entre as súas paredes. Lugares onde o tempo semella correr doutro xeito e onde cada recreo pode converterse nunha pequena aventura. Este curso, a nosa Biblioteca volveu ser un deses espazos máxicos. 

Cada martes e cada xoves, cando soaba o timbre do recreo, a Biblioteca abría as súas portas para recibir a quen quixese entrar. E foron moitos os que decidiron facer deste recuncho un lugar para descubrir, pensar, xogar, crear e compartir.

Os martes enchéronse de palabras. Sobre as mesas agardaban pasatempos en galego: sopa de letras, encrucillados, enigmas, debuxos, retos lingüísticos e propostas que convidaban a xogar coa nosa lingua. Entre letras escondidas e palabras por descubrir, o alumnado exercitaba a mente mentres gozaba dun tempo de lecer diferente. 

Os xoves, pola súa banda, convertéronse nun auténtico laboratorio de pensamento e estratexia. Os pasatempos matemáticos compartían momentos con xogos como o catro en raia, o xadrez, o xadrez de memoria, o Rummi Classic, os xogos de construción, o parchís e moitas propostas que enchían a Biblioteca de concentración, emoción e risas compartidas.







E, por suposto, tamén había quen prefería deixarse levar polo silencioso rumor das páxinas. Nenas e nenos que atopaban na lectura libre un refuxio tranquilo onde viaxar sen saír do seu asento.



O éxito de iniciativa foi notable. A cativada de 2º, 3º e 4º de Primaria foi a máis fiel destes recreos, facendo da Biblioteca un espazo vivo e cheo de actividade.

Pero detrás de cada mesa preparada, de cada libro colocado no seu lugar e de cada actividade organizada había un equipo moi especial. Os recreos estiveron dinamizados por un persoa do Equipo de Biblioteca e polas nosas persoas axudantes de Biblio, que se foron relevando entre os martes e os xoves para desempeñar as tarefas.


Foron elas e eles quen ordenaron os libros, repararon exemplares do Hospital de libros, recolleron suxestións, propuxeron actividades, explicáronlle ao actual alumnado de 3º en primeira persoa que significa formar parte deste grupo, compartiron as súas experiencias, en poucas palabras, contáronlle as tarefas que realizaban e transmitíronlle a ilusión de contribuír no funcionamento dun dos espazos máis especiais da escola.


Porque unha Biblioteca non é soamente un lugar onde viven os libros. É un porto onde atracan ideas, un faro que ilumina curiosidades, un obradoiro de soños e aprendizaxes compartidas. E durante estes recreos, unha vez máis, quedou demostrado que cada páxina, cada xogo, cada conversa e cada pequeno xesto axudan a construír unha comunidade lectora máis viva, participativa e feliz.


Grazas a todas as persoas que fixestes posible esta fermosa travesía.

O próxima curso agárdannos novas historias por escribir.

Espiñeiriña.