27.1.23

OBRA DE TEATRO: "O PAPÓN"

Ola! Estou moi feliz de volver a estar por aquí e saudarvos...

Sabedes unha cousa moi moi interesante? O alumnado de 2º de Educación Primaria convidou primeiro ás familias e amizades e despois a todas as clases da escola a ver a magnífica obra de teatro do conto O Papón. Por certo, eu tamén tiven a gran sorte de ir... quedei abraiado!

Neste sentido, como ben sabedes a representación dese conto é o resultado dun proceso bastante longo, de meses de traballo e de ensaio. As pequenas actrices e os pequenos actores contáronme un pouquiño como foi a proceso, que vou compartir con vos:

- Selección e lectura do conto

- Reflexión sobre a historia

- Repartición por sorteo das diferentes personaxes que ía asumir cada persoa

- Traballo sobre o diálogo que lle tocou a cada menor

- Ensaios de varias sesións (na aula)

- Reflexión sobre como ía a ser o escenario

- Debate sobre que materiais, obxectos, mobiliario ían traer cada unha e cada un

- Deseño da decoración do escenario

- Colocación de todos os elementos no escenario

- Ensaios de varias sesións no escenario real e o último xa foi coa caracterización de cada personaxe

- Deseño e escrita da carta de convite para ver a obra

- E...

... chegou o día da estrea mundial da obra de teatro O Papón cun público moi numeroso no que se podían ver nais, pais, avoas, avós, curmáns, amigas, amigos, compañeiras de outras clases e moitísimas máis persoas... foi incrible!

Por iso, foi tal o éxito que o resto de clases tiñan moitas ganas de poder ver ese magnífico traballo e os primeiros convidados foron os de Educación Infantil e 1º de Educación Primaria e outro día foron velas e velos o resto de clases de Educación Primaria.

Velaquí un breve resumo con imaxes do proceso:















Unha vez dito isto, soamente quédanme palabras para dicir que nun libro pódese cantar, falar, rir, chorar e berrar en silencio... a iso chámaselle ler.


Unha aperta xigantísima!
Espiñeiriña


19.1.23

AUGA EN XANEIRO, CADA PINGA VALE DIÑEIRO... DICÍAN NOUTRORA NAS ALDEAS.


Bos días benqueridiño lector, 

Hoxe temos moitísimas ganas de contarvos que xa saíron as persoas gañadoras do concurso de microrrelatos que fixemos en decembro na escola na que todo o alumnado foi partícipe. Pero a verdade é que a elección non foi nada doada, despois de estar unhas cantas horas lendo todas as fermosas historias, chegou o momento de escoller ao premiado...  


De toda a etapa de Educación Infantil o gañador foi:

NOEL


En canto a selección de 1º e 2º de Educación Primaria foi o de:

SÍA


Por conseguinte, a escolla de 3º e 4º de Educación Primaria foi:

UXÍA


Finalmente, de 5º e 6º de Educación Primaria eliximos o bonito texto de:

LEIRA


Dende a biblioteca animamos a toda a rapazada e seguir creando, porque as ideas que dan voltas na cabeza se non se pasan ao papel esfúmanse coma o vento!

Unha aperta ben calurosa,

Espiñeiriña.