12.2.26

CLUB DE LECTURA: SOLILOQUIO DE SOÑOS

Boas tardes queridiñas e queridiños!

No Club de Lectura Soliloquio de Soños, tivo lugar un primeiro encontro moi especial para o alumnado de 4º de Educación Primaria, posto que participaron por primeira vez nesta nova andaina. Este incorporouse ao grupo xunto coas compañeiras e compañeiros de 5º de Primaria, que xa forman parte desta fermosa aventura lectora.


Para esta primeira xuntanza compartiuse a lectura de Cando soa a buguina de X. H. Rivadulla Corcón, unha obra que convidou a viaxar a través das emocións, dos recordos e das sensacións que só os libros son quen de espertar.

Durante o encontro, tiveron a oportunidade de conversar sobre a lectura, intercambiar impresións e descubrir como unha mesma historia pode chegar de maneiras moi diferentes ao lectorado. As palabras enchéronse de significado ao compartir aquilo que lles fixo sentir a obra: a sorpresa, a curiosidade, a tristeza, a nostalxia, etc. Foi un momento de escoita, respecto e encontro arredor dos libros, onde cada voz tivo o seu lugar. 


Como continuación desta experiencia, realizouse unha actividade artística na que cada participante expresou, a través da creatividade, as emocións que a lectura lle transmitira. Cores e palabras convertéronse nunha linguaxe propia para dar vida aos sentimentos que xurdiron durante a lectura. Despois, compartiron cada creación co resto do grupo, descubrindo miradas e emocións que enriqueceron aínda máis a experiencia.



Ata aquí hoxe... Agardo con ilusión a próxima xuntanza.
Espiñeiriña!

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario