4.2.26

DÍA ESCOLAR DA NON VIOLENCIA E DA PAZ: PORQUE CONVIVIR É FERMOSO!

Boas tardes mundo!

Hai días que deixan pegada, que fan sentir que a escola é máis que un edificio, é fogar, é encontro. Así foi o Día Escolar da Non Violencia e da Paz na Biblioteca da querida comunidade de Espiñeira.

Dende a Biblioteca lanzaron unha proposta que agromou con forza. O alumnado dos tres cursos de Educación Infantil e de 1º, 2º e 3º de Educación Primaria converteuse en  ollos atentos do cotián: tiñan que facer fotografías nas que se vira unha situación de conflito escolar, pequenos instantes de desacordo.

Despois, a cativada de 4º, 5º e 6º de Educación Primaria colleu esas imaxes, coma quen colle un fío delicado e teceu arredor delas dúas voces nos globos: nun describían o que estaba a acontecer e, noutro propoñían unha solución. Cómpre dicir que foi unha actividade xenial na que desfrutaron xa que se notaba nas conversas, na concentración e nas risas compartidas mentres pensaban palabras xustas e amábeis. O resultado final foi un mural cheo de imaxes e mensaxes que agora loce no corredor da escola, aberto á mirada de toda a comunidade educativa. Un mural que fala, que interpela e que aperta.

Mais a Paz tamén se contou, se representou e se soñou.

Pois, valorado o inmenso traballo do noso alumnado axudante de biblioteca, e da man do Equipo de Biblioteca, puxéronse a darlle a volta a un conto clásico. Así naceu Tres casiñas e un novo amigo, unha versión renovada e chea de intención do eterno relato dos tres porquiños. Nesta ocasión, a historia falaba de amizade e de colaboración. 

As persoas axudantes dividíronse en tres grupos. Un representou a historia con marionetas para a cativada de Educación Infantil, outro fixo o mesmo para 1º, 2º e 3º de Educación Primaria e un terceiro grupo levou a escena o conto na aula de psicomotricidade, onde elas e el foron actrices e actor diante do público de 4º, 5º e 6º.

 

Certo é que foron dúas semanas de traballo intenso e ilusionado. Traballaron a historia, as emocións e as habilidades necesarias para escenificar. Ensaiaban nos recreos, trocando tempo libre por tempo compartido entre libros e compañeiras e compañeiros que lle gustan as historias. E aínda así, a maiores, practicaban nos seus fogares.



O resultado foi emocionante, sentían orgullo polo traballo, brilláballes a voz e a mirada. E agora, coa ilusión intacta, xa preguntan: Cando volvemos facer outra? Será para o 8 de marzo? Porque cando a Biblioteca se converte en escenario e refuxio, xa ninguén quere marchar.

Unha vez máis, a comunidade de Espiñeira dá visibilidade e reivindica a forza dunha palabra pequena e inmensa ao tempo: Paz. Unha palabra que non se escribe só con letras, senón con xestos, coidados e compromiso.

Que nunca deixemos de sementala!

Espiñeiriña.


No hay comentarios:

Publicar un comentario