A finais do pasado trimestre Mael, Uriel e a súa familia quixeron compartir con nós un conto que acababan de publicar: Un papá inmenso.
Este conto, escrito por Rebeca Gundín, a súa nai, pretendía nun primeiro momento axudar aos seus fillos a aceptar e superar a perda do seu pai.
O que aconteceu na escola é que, como pasa con todas as historias que nos tocan o corazón, esta transcendeu máis alá e serviunos para achegar aos máis pequenos unha realidade que continúa a ser un tabú, incluso para os adultos, que moitas veces non sabemos como abordar este tema.
Sorprende ver a enteireza e a educación emocional que adquiren os nenos e nenas cando os adultos lles mostramos o camiño, dándolles a oportunidade de vivenciar, pensar, falar, sentir e expresar os seus sentimentos.
A lectura do libro e posterior debate foi unha actividade espontánea na que o alumnado deixouse levar polo que os seus compañeiros leran previamente, reflexionaron abertamente sobre o que supón a perda dun ser querido e quedaron coa idea de que ninguén marcha realmente de todo, senón que dalgún modo segue estando con nós, acompañándonos, xa que, pasa a ser un ser inmenso que pervive e nos dá forza.
Como dixen, a idea inicial era que estes nenos afrontasen do mellor xeito posible a vivencia pola que pasaran hai uns anos, pero desde logo, este proxecto non quedou nin debe quedar aquí, senón que debe pasar a converterse nunha ferramenta para que nenos e nenas, familias , mestres, educadores ..., poidamos atender ás necesidades que neste eido se nos van presentando.
Por iso, cos beneficios que xere a venta deste conto preténdese facelo chegar a hospitais co fin de facilitarlles aos nenos e nenas que estean pasando por unha situación similar a superación da mesma. Tedes máis información na web: www.unpapainmenso.com
Toda unha lección de vida: Porque ás veces un final pode ser un novo comezo.
Non vos perdades o vídeo cos comentarios do alumnado!
No hay comentarios:
Publicar un comentario