O venres 13 de febreiro culminamos a semana cunha gran festa pasada por auga, pero... "se chove, que chova!" Ademais nós, estabamos ben preparados porque levamos dende principios de curso mergullándonos polas fermosas augas da Ría de Aldán.
23.2.26
ENTROIDO MARIÑO!
4.2.26
DÍA ESCOLAR DA NON VIOLENCIA E DA PAZ: PORQUE CONVIVIR É FERMOSO!
Boas tardes mundo!
Hai días que deixan pegada, que fan sentir que a escola é máis que un edificio, é fogar, é encontro. Así foi o Día Escolar da Non Violencia e da Paz na Biblioteca da querida comunidade de Espiñeira.
Dende a Biblioteca lanzaron unha proposta que agromou con forza. O alumnado dos tres cursos de Educación Infantil e de 1º, 2º e 3º de Educación Primaria converteuse en ollos atentos do cotián: tiñan que facer fotografías nas que se vira unha situación de conflito escolar, pequenos instantes de desacordo.
Despois, a cativada de 4º, 5º e 6º de Educación Primaria colleu esas imaxes, coma quen colle un fío delicado e teceu arredor delas dúas voces nos globos: nun describían o que estaba a acontecer e, noutro propoñían unha solución. Cómpre dicir que foi unha actividade xenial na que desfrutaron xa que se notaba nas conversas, na concentración e nas risas compartidas mentres pensaban palabras xustas e amábeis. O resultado final foi un mural cheo de imaxes e mensaxes que agora loce no corredor da escola, aberto á mirada de toda a comunidade educativa. Un mural que fala, que interpela e que aperta.
Mais a Paz tamén se contou, se representou e se soñou.
Pois, valorado o inmenso traballo do noso alumnado axudante de biblioteca, e da man do Equipo de Biblioteca, puxéronse a darlle a volta a un conto clásico. Así naceu Tres casiñas e un novo amigo, unha versión renovada e chea de intención do eterno relato dos tres porquiños. Nesta ocasión, a historia falaba de amizade e de colaboración.
As persoas axudantes dividíronse en tres grupos. Un representou a historia con marionetas para a cativada de Educación Infantil, outro fixo o mesmo para 1º, 2º e 3º de Educación Primaria e un terceiro grupo levou a escena o conto na aula de psicomotricidade, onde elas e el foron actrices e actor diante do público de 4º, 5º e 6º.
Certo é que foron dúas semanas de traballo intenso e ilusionado. Traballaron a historia, as emocións e as habilidades necesarias para escenificar. Ensaiaban nos recreos, trocando tempo libre por tempo compartido entre libros e compañeiras e compañeiros que lle gustan as historias. E aínda así, a maiores, practicaban nos seus fogares.
O resultado foi emocionante, sentían orgullo polo traballo, brilláballes a voz e a mirada. E agora, coa ilusión intacta, xa preguntan: Cando volvemos facer outra? Será para o 8 de marzo? Porque cando a Biblioteca se converte en escenario e refuxio, xa ninguén quere marchar.
Unha vez máis, a comunidade de Espiñeira dá visibilidade e reivindica a forza dunha palabra pequena e inmensa ao tempo: Paz. Unha palabra que non se escribe só con letras, senón con xestos, coidados e compromiso.
Que nunca deixemos de sementala!
Espiñeiriña.

















