2.4.20

A BIBLIOTECA EN TEMPOS DE CORENTENA

Dende a biblioteca do CEIP Plurilingüe da Espiñeira-Aldán queriamos compartir e informar de algúns recursos literarios que tendes á vosa disposición a través da rede, xa que é inviable outro tipo de comunicación dadas as circunstancias actuais.

A Xunta de Galicia abriu ó público o seu catálogo dixital con máis de 4.500 obras, e a través da plataforma Galicia Le, podedes acceder en préstamo a tódolos contidos dixitais da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia.

Páxina web: GALICIA LE

Para acceder a estes contidos é necesario que vos rexistredes (se non o estades xa), cubrindo os vosos datos persoais AQUÍ

Ademais, hai moitas editoriais que están realizando propostas interesantes de animación á lectura así como de outra índole, destinadas a un público infantil e xuvenil.

Queremos compartir con vós algunhas delas como a de Kalandraka TV, que ofrece contacontos en galego e castelán, así como cancións, entrevistas con autores e autoras, recomendacións lectoras e moitas cousas máis que podedes consultar premendo na seguinte ligazón: Kalandraka TV galego

 
A editorial OQO tamén ofrece sesións diarias de contacontos para os máis peques, a través das sesións de CONTOS EN PIXAMA que podedes gozar visualizando os vídeos que colgan en Youtube. Compartimos a primeira das súas sesións, onde realizan unha introdución dirixida á rapazada, explicando o porqué da posta en marcha desta iniciativa:

"A sopa queima" de Pablo Albo e André Letria.

O colectivo NOGA (Narración Oral Galega) ofrece a súa particular "PANDEMIA DE CONTOS" a través das súas contas de Facebook e Instagram. Tódolos días están compartindo contos infantís, familiares ou para adultos.


Ademais, deixámosvos o acceso a unha páxina web educativa que actualiza cada día actividades que poden ser de: animación á lectura, escritura, audiovisuais, etc; e integra propostas para tódolos niveis educativos, e en referencia aos que abarca a nosa escola, dende 4º de E.I. (3 anos) a 6º de E.P.: https://aulasgalegas.org/

Para os lectores autónomos e afeccionados existe un recurso de contos curtos que pode ser do seu agrado: http://www.cuentoscortos.com/

Antes de despedirnos, queremos compartir unha listaxe de obras infantil e xuvenil dispoñibles para a lectura. Unha vez dentro do enlace que imos facilitar a continuación, premede no título da obra que vos interese e unha vez alí, poderedes acceder á biografía do autor ou autora e a obra calcando na casilla azul  que pon Texto.
 

Rematamos a entrada compartindo un filme sobre o conto de Cocorico:


Moito ánimo navegantes! 
Bótovos de menos... A biblioteca non é o mesmo sen as vosas visitas!

Saúdos,
Espiñeiriña.

No hay comentarios:

Publicar un comentario