O coidado do medio ambiente é un importante sinal de identidade no noso centro. Con motivo da conmemoración do Día Mundial da Saúde Medioambiental, desfrutamos dunha xornada de xogos e obradoiros co obxectivo de concienciar ao alumnado sobre a importancia de protexer a natureza e actuar de maneira responsable fronte ao cambio climático.
Todo o alumnado, en grupos mixtos dende os tres anos ata os nosos maiores, participaron por quendas durante a xornada en diversas propostas que nos levaron a reflexionar sobre aspectos clave da saúde ambiental.
Así, realizamos a actividade Sementando futuro, unha actividade que tiña como obxectivo comprender o valor das plantas no equilibrio climático. Alí, confeccionaron a súa maceta e elixiron e plantaron unha semente de tempada. Con tempo e coidado, teredes unhas fermosas hortalizas das vosas casas!
Tamén presumimos da nosa vea creativa e artística e, dándolle valor á importancia da reutilización e reciclaxe, realizamos a actividade Eco-artistas, na cal crearon obras de arte con materiais de refugallo. Xurdiron verdadeiras obras de arte!
Moito movemento, equilibrio, precisión e diversión era o que nos deparou o xogo Gardiáns da auga. Co fin de fomentar un bo uso da auga, evitar o seu desperdicio e traballar en equipo, os nenos e nenas debían superar un circuito cheo de obstáculos tentando trasladar unha pouquiña auga dun lugar a outro, por relevos e intentando que non caese nin gota! Que ben o fixeron
E que importante é concienciar hoxe en día sobre o coidado dos océanos e o impacto de microplásticos na nosa dieta. O visionado da curtametraxe Selfish no obradoiro Un mar de historias, axudounos a reflexionar sobre a grave situación pola que atravesan os nosos océanos e que nos repercute de maneira directa. Unha morea de información con datos tristemente increibles e actvidades sensoriais como a criba de plásticos atopados en area das nosas praias, formaron parte tamén deste actividade. Sabíades que de seguir así o 99% de todas as especies de aves mariñas comerán plástico en 20502? Debemos actuar xa para evitalo!
A luz do bosque foi outro dos obradoiros propostos para sensibilizar sobre a importancia da prevención dos incendios que tanto dano causan todos os anos na nosa terra. Os nosos nenos e nenas crearon reivindicativas e fermosas mensaxes, proclamas e poemas, en contra dos incendios. Porque a única luz que queremos ver no bosque é a que debuxa o amencer!
Para finalizar, e continuando coa tradición de todos os anos, reunímonos no patio para cantar ben alto a nosa canción polo clima "Faino xa!", á vez que formamos cos nosos corpos a mensaxe "Lumes nunca máis", en reivindicacion do desastre medioambiental acontecido nos incendios deste verán.
Unha xornada especial para reflexionar sobre o coidado do máis especial que temos: a natureza e a vida.+
P.d. Podedes desfrutar dun vídeo resumo no perfil do noso Instagram!
No hay comentarios:
Publicar un comentario