12.3.25

CLUB DE LECTURA: SOLILOQUIO DE SOÑOS

Boas tardes a todo o mundo!

Hoxe vouvos falar do noso Club de Lectura Soliloquio de Soños que estreamos este curso académico!

Ao longo da historia, a escola converteu con frecuencia a lectura nun medio para abordar outras aprendizaxes, desposuíndoa así da súa potencialidade para producir pracer, deixando de constituír un proceso creativo.

Por iso, en Espiñeira outorgámoslle á literatura un gran compoñente do gozo e pretendemos que o noso alumnado se achegue ás historias polo simple feito do deleite que proporcionan ao mesmo tempo que favorece a educación en valores e o pensamento crítico.

Neste sentido, a lectura escollida que foi El Canto de la orca de Rosanne Parry, as características do lectorado participante, a súa experiencia lectora e sobre todo a súa implicación e entusiasmo determinaron o éxito da nosa 1º Xuntanza do Club de Lectura Soliloquio de Soños.

Neste café literario, as dinamizadoras xunto coa cativada participante de 6º de Educación Primaria compartiron sensacións, sentimentos, dúbidas, curiosidades,... que lles espertou a viaxe polas profundidades mariñas acompañadas de Vega e da súa familia de orcas pertencente ao Clan de las Comedoras de Salmón de las Aguas Cálidas.

Toda unha delicia para todos os nosos sentidos! Si, digo todos porque tamén comemos!









Ata a próxima Xuntanza soñadoras e soñadores de historias!

Espiñeiriña. 

 

17.2.25

PLURALIDADE DE CORPOS - PLURALIDADE DE AMORES

Ola queridiño público que me ledes!

Que pensades que vos vou contar hoxe? Pois vouvos falar do AMOR. Este é un tema que cativou á humanidade ao longo da historia. Se miramos ao noso arredor dámonos conta que describiuse de diferentes formas, cantouse en poemas e cancións, representouse en obras de arte e explorouse na literatura.

Polo tanto, o AMOR converteuse nun elemento central na vida das persoas, sendo unha das experiencias máis poderosas e significativas que se pode experimentar. Neste sentido, dende que todas e todos nacemos, buscamos amor e conexión coas demais persoas. O amor bríndanos seguridade emocional, fainos sentir valoradas e valorados e proporciónanos un sentido de pertenza.

Por iso, tendo en conta o anteriormente exposto, nesta escoliña este 14 de febreiro falamos da razón pola que no calendario está sinalado este día e de todas as acepcións da fermosa palabra AMOR. Así, a cativada sabe que ese concepto emprégase para falar da nosa familia, das nosas amizades, de nós mesmas e mesmos, etc. Ademais, esta é consciente que é un sentimento que a escola dálle moita importancia e valor no seu día a día. 

A continuación vouvos amosar algúns exemplos de actividades que se levaron a cabo:

 - 4º de Educación Infantil





- 1º e 2º de Educación Primaria:



É o momento de despedirme cunha cita de Roy Galán que di que moitas veces ensínanos que o amor é unha única cousa posible. Pero hai tantos amores como corpos no mundo.

Espiñeiriña.






3.2.25

DA LIBERDADE BROTA A FORZA E DA HARMONÍA A PAZ

Bos días navegantes!

Pois hoxe estou aquí para falar dun fermosa palabra, a Paz. Vouvos propor un reto: que é a Paz? Pois, como ben sabedes ten moitas acepcións... é incrible que sexa tan pequeniña e que exprese tanto! 

Neste sentido, a Paz está ligada ao amor, á solidariedade, á esperanza,... en poucas palabras, á vida. En relación á esto último, pódese dicir que é de facil significado pero de difícil entendemento para a sociedade actual. Non podemos esquecer que se o noso fogar queremos construir, precisamos dun chan que é a liberdade e a harmonía, dunhas paredes que son a tolerancia e o respecto e dun teito que é a paz. 


Todos estes aspectos cobran vida non soamente no Día da Paz e da Non Violencia Escolar, senón no quefacer desta escoliña. 

Como actividade inicial o Equipo de Biblioteca propuxo unha serie de tarefas a cada persoa titora. Unha delas foi que o seu alumnado reflexionara primeiro de xeito oral e despois de xeito escrito sobre que é o concepto de Paz. Despois, cada aula elaborou fermosas definicións, entre elas cómpre destacar a seguinte: a Paz ten moitas formas, cores e palabras, sabedes cales son? pois empatía, amizade, non violencia, non guerras, tranquilidade, compartir, infancia, amor, axuda, igualidade, liberdade, protección e compañía. Cada grupo escribiu as súas palabras nunha grúa e todas elas foron penduradas dentro dunha gaiola. O obxectivo foi liberar todos eses pensamentos, ideas, problemas,... para así ser libre xa que da Liberdade brota a forza e da harmonía a Paz

Este último foi o lema que empregamos para a elaboración conxunta do mural tendo en conta que tamén é o Día da ilustración. Nel pódese ler distintas definicións do que é a Paz, ver diferentes grúas que conteñen palabras que falan de situacións onde a Paz non está presente e posibles solucións así como desfrutar das expresións corporais de liberdade que transmite a catividada da nosa escola.



Así mesmo, cada persoa titora convidou ao seu alumnado a pensar sobre que é a crueldade e a ausencia de Paz con algunhas imaxes ilustradas das caixas de filosofía para nenas e nenos de Wonder Ponder. Posteriormente, cada menor elaborou unha proposta coas súas respectivas preguntas e despois a escollida foi enviada as pioneiras deste proxecto.

Ademais, no Recreo na Biblio as nosas axudantes de 4º e 5º de Educación Primaria convidaron ao resto de compañeiras e compañeiros a un contacontos para desfrutar do pracer da literatura como unha das mellores ferramentas para ser libre, pensar e ocupar o tempo de lecer. 


   

Finalmente, nunha das nosas zonas do exterior da escola, desfrutamos deste día lendo as definicións da Paz de cada aula plamadas nas grúas, escoitando á cativada de 2º de Educación Primaria recitar o poema de Solo tres letras de Gloria Fuertes e cantando a nosa canción de Convive con Cautela.






E, ata aquí por hoxe! 

Espiñeiriña.