18.6.24

5 de xuño, DÍA DO MEDIOAMBIENTE coa CEMMA

Este curso decidimos celebrar o Día do Medioambiente acudindo a un dos ecosistemas próximos ao colexio: a praia de Areacova. Os nenos e nenas da Espiñeira somos moi conscientes da fraxilidade do medio mariño, que tantas ameazas vén sufrindo nos últimos tempos: plásticos, sobrepesca, verquidos, intenso tráfico mariño... Pero tamén somos conscientes da inmensa e fermosa biodiversidade que albergan. Entre os animais que máis nos gustan están os cetáceos (golfiños e baleas). Para coñecer un pouco mellor a estes xigantes do mar e saber como poder axudalos en caso de varamento, convidamos aos técnicos da CEMMA (Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños de Galicia).
A CEMMA leva máis de 30 anos adicada ao estudo, divulgación e conservación dos mamíferos mariños, tartarugas mariñas e quenllas. Contan cunha ampla experiencia en rescate e auxilio destes animais e tamén no seguemento e rexistro das especies oceánicas que pasan preto das nosas costas. Así, neste solleiro día de celebración da protección do medioambiente,todo o cole quixo achegarse á praia e vivir en directo coma os biólogos da CEMMA fan o seu traballo.

Antes de saír para a praia, os nenos e nenas de infantil escoitamos un contacontos na biblioteca e coñecemos aos protagonistas desta xornada: os golfiños, as tartarugas mariñas e os lobos mariños. Paseniñamente, todos os nenos e nenas dos restantes cursos fomos saíndo cara Areacova e alí participamos nun simulacro de rescate de golfiños, focas e tartarugas.
Aprendemos moito da súa bioloxía e comportamento, pero sobre todo, aprendemos como debemos comportarnos se atopamos un destes animais desorientado ou varado na praia e a quen temos que chamar para axudalo: sempre ao 112, para que avisen á CEMMA!