Páginas

24.3.25

Día Internacional dos Bosques e Día da Poesía

Bo día navegantes!

Durante o mes de marzo na nosa escola respirouse natureza, poesía... e tamén moita ilusión!

Aproveitando a conmemoración do Día Internacional dos Bosques e o Día da Poesía, decidimos unir estas dúas celebracións para dar vida a unha xornada chea de creatividade, aprendizaxe e compromiso ambiental.

E como estamos mergullados no noso proxecto de centro "Intelixencia artesanal", que mellor maneira de celebralo que poñendo en valor o poder da palabra, da terra e da colaboración?

Por aquí vos deixamos algunhas das actividades das que desfrutamos durante esta semana:

✎ Haikus con alma de bosque

Durante os días previos, o alumnado de todas as etapas estivo traballando en equipo na creación de haikus, esas pequenas xoias poéticas que nos conectan coa natureza a través de tan só tres versos.

Os resultados foron marabillosos: palabras que falaban de árbores, vento, paxaros, silencio... poesía feita a man e con moito corazón. E como guinda, fixemos unha lectura conxunta na nosa querida carballeira!!

  

💮 Un mural que florece na entrada

Con todos estes Haikus tan especiais, creamos entre todos un mural colaborativo de poesía e natureza, que podedes ver na entrada do cole.

Nel destaca unha gran árbore na que cada folla é unha voz e cada voz forma parte do noso bosque común. Convidámosvos a achegarvos, lelos e deixarvos levar pola poesía dos nenos e nenas da Espiñeira.

😋 Parrillada de champiñóns: sabor e conciencia 🍄🍄

A celebración tamén tivo un toque culinario! Organizamos unha parrillada e degustación de champiñóns, coa intención de fomentar o aprecio polos sabores naturais e concienciar sobre a importancia do consumo responsable e sostible.


Unha maneira diferente de educar tamén o padal e conectar coa natureza a través dos sentidos. Encantoulles!!

🌳 Plantando futuro: árbores de froitos vermellos

Como símbolo do noso compromiso co medio ambiente, tamén plantamos árbores de froitos vermellos: amorodos, framboesas, arandos... 

Un pequeno bosque comestible que agardamos ver medrar, igual que medran as nosas ideas e soños.

Vémonos na próxima aventura entre versos, árbores e sabores!!


Con moito cariño,

Espiñeiriña.

17.3.25

8M NA ESPIÑEIRA

Bo día navegantes!

Este curso estamos inmersos no proxecto de centro "Intelixencia Artesanal: a importancia e a beleza do feito a man" e en sintonía co mesmo, quixemos homenaxear o traballo das mulleres escultoras e inventoras.

Cartel realizado polo alumnado de 5º de Educación Primaria

Desta maneira e tomando como exemplo unha das obras máis emblemáticas de Judy Chicago, o alumnado de todo o cole púxose mans á obra e, empregando diferentes materiais e técnicas, lograron realizar unha exposición do máis diversa representando inventos de mulleres que fixeron historia e que hoxe en día son de gran utilidade!

As familias podedes acceder a esta mostra de esculturas, localizada na biblioteca do centro, en horario de tarde, de 16:30 a 17:30 horas.


Previo á realización destas marabillosas esculturas, recibimos unha clase maxistral a cargo dunha familia do centro experta en igualdade, quen nos amosou diferentes mulleres escultoras que empregaban técnicas diversas na elaboración das súas obras.


Irene tamén nos explicou de maneira moi visual e creativa o porque da conmemoración do Día da Muller e da necesidade de seguir reivindicando unha sociedade igualitaria.


Ademais, equipo de biblioteca seleccionou unha serie de fondos literarios relacionados coa temática e púxoos a disposición do persoal do centro. Moitos destes títulos e outros que non están aquí empregáronse como fonte de recurso para abordar o tema nas clases.


Por último, queremos agradecer a implicación do alumnado, persoal docente e, sobre todo, de Irene, pola súa participación activa na conmemoración do 8 de Marzo na nosa escola.

💜💜💜💜💜💜💜💜💜💜💜💜💜

Sen máis, despedimonos ata outra nova aventura!

Saudiños da vosa amiga,
Espiñeiriña.

12.3.25

CLUB DE LECTURA: SOLILOQUIO DE SOÑOS

Boas tardes a todo o mundo!

Hoxe vouvos falar do noso Club de Lectura Soliloquio de Soños que estreamos este curso académico!

Ao longo da historia, a escola converteu con frecuencia a lectura nun medio para abordar outras aprendizaxes, desposuíndoa así da súa potencialidade para producir pracer, deixando de constituír un proceso creativo.

Por iso, en Espiñeira outorgámoslle á literatura un gran compoñente do gozo e pretendemos que o noso alumnado se achegue ás historias polo simple feito do deleite que proporcionan ao mesmo tempo que favorece a educación en valores e o pensamento crítico.

Neste sentido, a lectura escollida que foi El Canto de la orca de Rosanne Parry, as características do lectorado participante, a súa experiencia lectora e sobre todo a súa implicación e entusiasmo determinaron o éxito da nosa 1º Xuntanza do Club de Lectura Soliloquio de Soños.

Neste café literario, as dinamizadoras xunto coa cativada participante de 6º de Educación Primaria compartiron sensacións, sentimentos, dúbidas, curiosidades,... que lles espertou a viaxe polas profundidades mariñas acompañadas de Vega e da súa familia de orcas pertencente ao Clan de las Comedoras de Salmón de las Aguas Cálidas.

Toda unha delicia para todos os nosos sentidos! Si, digo todos porque tamén comemos!









Ata a próxima Xuntanza soñadoras e soñadores de historias!

Espiñeiriña. 

 

3.3.25

"ANTROIDO, TI HAS DE VIR, CUNCAS E PLATOS HAN DE RUXIR"

Ola entroideiras e entroideiros!

Pois partindo do titular desta entrada, que é un anaco dunha copla do libro Anacos da nosa cultura, este ano dedicamos esta festa tan tradicional na nosa terra aos oficios relacionados co mar, coa agricultura e coa artesanía...

Pero estarédesvos preguntando cal foi o motivo da nosa escolla... a resposta é porque como ben sabedes o Proxecto Documental Integrada da nosa escola este ano é: Intelixencia Artesanal, a maxia e a beleza do feito a man

Por iso, en Espiñeira sabemos que grazas á palabra artesanía emerxen outras que son a paixón, a implicación nos procesos, etc. En poucas palabras, podemos dicir que esta é parte do noso patrimonio cultural, xera unha identidade, reflicte a nosa capacidade creativa e é testemuña da nosa maneira de vivir, do noso tempo, da relación coa contorna e a sociedade...

Comezamos, como ben sendo habitual no centro, inventando a letra da nosa canción de Entroido "O Carnaval de Aldán", baseándonos na melodía da rumba "O Carnaval de Vilariño". Cada ciclo inventou unha estrofa da canción e E.I. o retrouso...Aquí tedes unha mostra:
Como tamén ben sendo habitual, fixemos un pasarrúas pola contorna,este ano pola parte a arriba da parroquia, acompañados das familias e da charanga de Aldán "Cheghar e encher".
Cómpre dicir, que desfrutamos e sentímonos moi ben acollidas e acollidos pola veciñanza que nos aplaudía, cantaba e nos animaba!
 
O alumnado de 5º e 6º de E.P. puideron desfrutar dun OBRADOIRO DE PERCUSIÓN impartido tamén pola comparsa Carnavaldán.
E para rematar amosámosvos unhas fotos da habitual degustación das sobremesas típicas do entroido aportadas polas familias e alumnado...

 
ATA A PRÓXIMA VIAXEIR@S...!